Publicador de contidos
Publicador de contidos

As organizacións agrarias rexeitan reunirse coa ministra de Seguridade Social

As organizacións agrarias rexeitan reunirse coa ministra de Seguridade Social

Os representantes do agro foran convocados este próximo martes a unha reunión con Elma Saiz, pero alegan motivos de axenda, xa que resulta "moi complicado neste momento tan tenso"

G24.gal 09/02/2024 12:06

A reunión que tiña previsto manter a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, coas organizacións agrarias o vindeiro martes 13 de febreiro foi suspendida mentres continúan as protestas do sector primario.

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións sinalou este venres que convocara ás asociacións do sector agrario para ter unha reunión o martes no marco das súas reivindicacións, pero dita oferta "foi declinada".

"Lamentamos non atopar a mesma predisposición por parte dos nosos interlocutores, xa que cremos firmemente que as mesas de diálogo son o mellor marco posible para expoñer os diferentes puntos de vista e alcanzar consensos", apuntou o Ministerio nun comunicado.

Fontes das organizacións agrarias explicaron a Efe que recibiran a convocatoria, pero que finalmente se aprazou o encontro por problemas de axenda, xa que resulta "moi complicado neste momento tan tenso".

Os agricultores levan días protestando pola crise que atravesan e reclaman unha flexibilización das normas comunitarias, menos burocracia e a imposición das mesmas regras de produción europeas ás importacións de produtos agrícolas de terceiros países, entre outras demandas.

Onte xoves, Saiz, anunciou que convocara ás organizacións agrarias o vindeiro martes para abordar o "problema da man de obra" no campo, onde se perderon 100.000 empregos en dez anos.

O Ministerio de Inclusión afirmou este venres que, "desde o primeiro minuto, baseou a súa forma de acción no diálogo construtivo, a escoita activa e a man tendida para chegar a acordos".

Puxo de exemplo a convocatoria da Conferencia Sectorial de Migracións e da Mesa de Diálogo Social, coas que se analizaron problemas complexos "desde diferentes sensibilidades e puntos de vista para alcanzar consensos e acordos que redunden en beneficio das persoas".

"Esta é a única forma que entendemos para xestionar os conflitos sociais e a única fórmula que concibimos para facer política que dea solución aos problemas da xente", sostiveron as fontes do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade