A inflación tamén chega ás rebaixas: menos choios e menos atractivas para os compradores
A inflación tamén chega ás rebaixas: menos choios e menos atractivas para os compradores
Asociacións de consumidores explican que a situación económica leva a mercar máis responsablemente
Esta campaña de rebaixas está marcada pola inflación. Os descontos máis agardados polos consumidores supoñen menos alivio para os petos polo aumento dos prezos. Os expertos aseguran que pagamos máis este ano nas rebaixas, o téxtil e calzado soben e tamén os electrodomésticos.
Desde os establecementos contan que a xente mira máis os prezos e gasta menos. Carla Martí Lage é dependenta dunha zapatería e di que "sempre veu máis xente e compraban máis, agora veñen mirar, pero non compran tanto".
Susana López Cerón é propietaria dunha tenda de roupa. Ela cre que "a xente está conténdose máis á hora de comprar. Se antes compraban dous vestidos, agora mercan un e miran máis o prezo. A xente ten menos cartos para gastar, primeiro son as prioridades e logo as outras cousas."
A inflación tamén está presente nas rebaixas e nótase nos hábitos de compra dos consumidores. O presuposto das familias está destinándose máis a alimentación e combustible, e despois ás rebaixas.
Desde as asociacións de consumidores notan que a xente está comprando máis responsablemente. Miguel López é o secretario xeral de Unión de Consumidores de Galicia e explica que "estamos vendo que acudir ás rebaixas estase facendo dunha forma máis progresiva e ordenada, e na procura de produtos que máis necesitamos"
Na rúa, os consumidores non atopan moitas gangas. Din que ven pouca diferenza nos prezos en época de rebaixas. Os prezos de roupa e calzado subiron e o incremento do IPC fai que os descontos sexan menos notables.
"Podemos constatar que as porcentaxes de desconto que estamos vendo nestes primeiros días de rebaixas non son tan importantes como as que viñan caracterizando esta modalidade de compra", afirma Miguel López.
As asociacións de consumidores aconsellan evitar compras compulsivas e aproveitar para mercar cousas que precisemos en vindeiras temporadas.