As redes sociais, plataformas imprescindibles das empresas para chegar aos clientes
As redes sociais, plataformas imprescindibles das empresas para chegar aos clientes
Case un 60 % de persoas de todo o mundo utilizan plataformas coma Facebook, Instagram, TikTok ou WhatsApp
As cifras falan por si mesmas. Case un 60 % de persoas de todo o mundo utilizan plataformas como Facebook, Instagram, WhatsApp ou TikTok. A innovación é a clave de futuro que apuntan as grandes empresas internacionais.
"A experiencia dos nosos clientes obríganos a ofrecerlles aquelo que desexan onde, cando e como no lo pidan", defende o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.
Un escaparate para as pequenas empresas, pero tamén o mellor xeito de atender as necesidades dos clientes. É o caso de Gadisa, unha das grandes empresas galegas que vai camiño do millón de seguidores en redes sociais.
"É como un fío de unión que temos cos nosos clientes para resolver problemas, atender pedimentos e achegar todo tipo de información", asegura Alexandra Kuntz, coordinadora de Márketing Dixital de Gadisa.
Vai camiño dun século de vida e acaba de atopar nas redes sociais unha vía de futuro. Ramón colleu a histórica mercería La Crisálida da Coruña hai cinco anos. Neste tempo conseguiu triplicar as vendas e dar traballo a cinco persoas que tamén atenden os pedidos en liña.
"Conseguimos chegar a moitísima xente. Xa somos máis de 1.700.000 persoas. Chama moito a atención que somos a mercería que máis seguidores ten no mundo", explica o xerente da Crisálida.
Os expertos din que as redes son unha ferramenta imprescindible no mercado de hoxe con independencia do tamaño da empresa.
"Temos que ter claro a que público lle queremos falar, que lle falemos na súa linguaxe e que desenvolvamos unha estratexia para a que podemos contar con axuda profesional", aconsella Javier Rocamora, especialista en márketing dixital.
E aconsellan dedicación e paciencia. E un traballo de fondo que acabará tendo efecto na conta de resultados.