Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tanxugueiras no regreso a Galicia: "Vimos cunha mochila chea de forza"

Tanxugueiras no regreso a Galicia: "Vimos cunha mochila chea de forza"

As integrantes da formación chegan a Santiago tras participaren no Benidorm Fest 

Consideran que o resultado "non puido ser mellor" porque "o público é soberano"

G24.gal 30/01/2022 16:02 Última actualización 19:30

Sabela, Olaia e Aida xa están de volta. Son as Tanxugueiras, as que este sábado volveron reunir distintas xeracións diante do televisor para ver se conseguían ser as nosas representantes en Eurovisión. O xurado non o permitiu, pero o público galego poucas veces se sentiu máis representado.

Onte á noite houbo foliada, unha das máis grandes, e hoxe tocou a volta á Terra para quedar. Esas gorxas de fondo cantar que subiron a un escenario mediterráneo cunha mensaxe que ía máis aló dunha canción para Eurovisión.

"Nacemos querendo esta terra e valorando a cultura ancestral que temos e entón iso creo que será ata o día que morramos. Seguiremos defendendo o noso idioma e cultura", asegura Olaia Maneiro.

E iso non foi abondo para chegar a Turín, pero o seu aturuxo cumpriu con outro cometido.

"Estamos supercontentas do resultado. Non puidemos obter un resultado mellor porque ao final o público é soberano e o pobo, o que máis ordena", explica Sabela Maneiro.

"E non hai que facer caso a cinco persoas que teñen outros gustos. Que tamén entender esta cultura non é sinxelo, nós porque a amamos e adoramos esta cultura e vemos como é, a sonoridade... Hai que afacerse e ao mellor é cuestión de escoitar un pouquiño máis e ao mellor xa se lles afai o oído á música galega", considera Olaia Maneiro.

E mentres eles van vendo e se van afacendo a outras cousiñas, as Tanxugueiras pídenlles aos seus seguidores moito respecto e apoio para a súa compañeira que segue na competición. 

"Por favor respecto aos artistas. Se queren ser os nosos fans o que teñen que facer é vir aos nosos concertos e consumir a nosa música", pide Aida Tarrío.

"E sobre todo ter moito coidado porque se lle pode facer moito dano á xente con diferentes cousas que se poñen nas redes sociais. É unha persoa que ten toda a carreira por diante, e ten que ser complicado para ela levar todas estas críticas. Calquera que viu a actuación de Chanel pode dicir que foi de 10, non hai nada que se poida resaltar que fixese mal", conclúe Sabela Maneiro.

Unha nova mostra de que, desde este lado, comprendemos a música doutra maneira. Non hai fronteiras!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade