As tendas agrarias reciben multitude de solicitudes de axuda para rexistrar galiñeiros
As tendas agrarias reciben multitude de solicitudes de axuda para rexistrar galiñeiros
O número de currais inscritos en Galicia supera os 45.000, unha cifra que se multiplicou por tres desde o mes de novembro
A normativa estatal obriga a rexistrar os galiñeiros domésticos con menos de 30 galiñas poñedoras ou menos de 50 polos de engorde
O PPdeG levará ao Parlamento, ás deputacións provinciais e aos concellos unha iniciativa para solicitar a modificación do real decreto
En tendas agrarias, como a de Óscar Martínez en Xinzo, axudan a clientela co trámite de legalizaren os seus galiñeiros. Nas últimas semanas non paran de recibir solicitudes.
"Empezouse a notar desde comezos de mes, porque ata o momento a xente non sabía o que tiña que facer nin como. Pensaban que era opcional e agora comezan a darse conta de que é un requisito que se fai por saúde pública", explica Óscar Martínez.
A normativa estatal que obriga a dar de alta os galiñeiros para autoconsumo aprobouse no ano 2021. Deben inscribirse os galiñeiros domésticos con menos de 30 galiñas poñedoras ou menos de 50 polos de engorde.
"Hai dous ou tres días que mo dixeron, eu non sabía nada", asegura un afectado.
O trámite é de balde, pode facerse a través da sede electrónica da Xunta ou de xeito presencial cubrindo o formulario nas Oficinas Agrarias Comarcais.
Na solicitude hai que especificar o número de aves, se se crían ao aire libre ou a cuberto, e as coordenadas de localización, que é o que máis problemas está causando.
"Que pasa? Moita xente é xente maior. Están un pouco perdidos e nós tratamos de facilitarlles as cousas", explica Óscar Martínez.
"Se non o fas xa sabemos o que pode pasar, que é que che vaian facer un control", di un afectado.
"Se é complicado? Facémolo nós máis complicado do que é", asegura outro.
O obxectivo da normativa é mellorar o control sanitario das aves e ter os currais localizados ante posibles focos de gripe aviaria. O incumprimento da medida pode dar lugar a un apercibimento, se non hai mala fe por parte do afectado, ou a sancións de entre 600 e 3.000 euros.
Iniciativa do PPdeG
O PPdeG levará ao Parlamento de Galicia, ás deputacións provinciais e aos concellos unha iniciativa para solicitar ao Goberno central que modifique o Real Decreto que obriga ao rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo.
O coordinador de Medio Rural do partido, Avelino Souto, remarcou que esta nova medida "incrementa a excesiva carga burocrática" que "xa soporta" o sector agrogandeiro e "provoca" tanto un "abandono e desaparición de explotacións" como o "fomento do abandono" do propio rural.
"Trátase de máis de 50.000 explotacións de autoconsumo galegas que se verán obrigadas a inscribirse neste rexistro, o que supón máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións ao non comercializar a súa produción", explicou Souto.
O PPdeG asegura compartir "o malestar" das persoas afectadas fronte á decisión adoptada polo Goberno central, "sen contar para nada, unha vez máis", coa opinión das comunidades autónomas e lexislando de "costas ao territorio, sen atender ás peculiaridades de cada zona".