As viaxes do IMSERSO 23-24: máis presuposto, máis prazas e máis destinos culturais e de natureza
As viaxes do IMSERSO 23-24: máis presuposto, máis prazas e máis destinos culturais e de natureza
As viaxes do IMSERSO 23-24: máis presuposto, máis prazas e máis destinos culturais e de natureza
Os galegos sempre demandaban un destino de sol, pero agora queren tamén circuítos culturais
Coa nova licitación desta mañá no Consello de Ministros, cun valor de 300 millóns de euros, un 14 % máis ca o ano anterior, as axencias de viaxes ven cumpridas as súas reclamacións canto ás viaxes da vindeira temporada outono-inverno 2023-24 do IMSERSO, con 70.000 prazas máis en turismo interior.
"Auméntase o número de prazas ata 900.000 e vai aumentar a dotación económica. Gústanos que se prime máis a calidade dos servizos ao mesmo tempo que se aumenta a rendibilidade de todos os actores que intervimos no programa do imserso", coméntanos Juan Antonio Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
Os prezos para os viaxeiros poden subir en favor dunha maior calidade, pero tamén se incluíron as reclamacións dos usuarios. Por primeira vez, hai destinos nas 52 provincias españolas.
"Que se aumentase a posibilidade de cuarto individual, porque é algo que demandaba a xente, e ampliar tamén un pouco a oferta canto a itinerarios culturais, que houbese en máis sitios, máis turismo de interior, de natureza, cultural. A Ribeira Sacra parece que vai ter un itinerario oficial", di Rivadulla.
A ruta de natureza pola Ribeira Sacra é unha das 19 abertas esta temporada xunto outros dez circuítos culturais por outras tantas provincias e máis de mil prazas reservadas para itinerarios con temática cultural literaria, musical, teatral ou gastronómica.
Os xubilados galegos ata agora buscaban sobre todo sol, pero parece que algo está a cambiar, tamén queren ver lugares bonitos e coñecer amizades novas, coméntannos pola rúa.
A mediados de setembro, os usuarios que se deran de alta, recibirán unha carta coa citación co día que poden pasar a reservar pola súa axencia, onde os informarán e asesorarán de xeito personalizado.