As xeracións novas demostran o amor pola tradición cabalar na Feira de San Marcos de Noia
As xeracións novas demostran o amor pola tradición cabalar na Feira de San Marcos de Noia
Cabalgar no Barbanza lévase no sangue e hérdase de xeración en xeración
Fai falta máis que chuvia para desanimar os asistentes e participantes na primeira xincana que se celebra na tradicional Feira Cabalar de San Marcos, en Noia. Xavier Pose e Aroa García, o xinete e a amazona máis novos da feira, foron os primeiros en saír á pista e puideron demostrar os seus dotes coas súas cabalgaduras Romina e Bandido.
Aos once anos, o que máis lle gusta a Aroa de cabalgar é:
"Conectar co cabalo e deixar todo fóra".
Xavier, con dez anos, monta a Romina, unha egua de 26 anos do seu avó. De montar, ama a adrenalina e, sobre todo, correr coa súa montura.
"Como que che sobe un pouco de adrenalina polo corpo, e iso a min encántame".
Inés Rodríguez, a súa nai, tamén amazona desde moi nova, lembra cando montaron o neno por primeira vez nun cabalo.
"A primeira vez tiña 5 meses e desde aí, sempre xa".
Como pasou con eles, cabalgar no Barbanza lévase no sangue e hérdase de xeración en xeración, como lle pasou a Álvaro Castro, que monta a Prodigio.
"Do meu avó pasou a min e eu sigo a súa herdanza no mundo do cabalo e o que me inculcou: traballo, a satisfacción que che dá o mundo do cabalo e, sobre todo, a Feira do San Marcos".
"Desde que teño uso de razón, eu sempre vin a San Marcos" coméntanos a nai de Xavi.
Antes da chuvia, a primeira exhibición de tiro con dous percheróns que poden cargar ata dous mil quilos engaiolou a rapazada, á que se lle dedicou a tarde dunha feira con alta participación. Moitos chegaron de mañanciña a cabalo para participar na Copa Galicia de Pura Raza Galega desde Oza dos Ríos, Outes, Porto do Son, Boiro ou Brión.
Amazonas e xinetes, gandeiros e tratantes deixaron ben claro que a gandería cabalar vive un gran momento tras a pandemia, o cal devolve a esperanza á raza autóctona galega, actualmente en perigo de extinción.