As zonas baixas do Salnés sofren o terceiro asolagamento do Umia nun mes
As zonas baixas do Salnés sofren o terceiro asolagamento do Umia nun mes
Afectados polas enchentes piden que se limpe o leito do río para evitar que reborde
No encoro de Caldas seguen aliviando auga para poder manter a cota de resgardo
O encoro da Baxe, en Caldas, leva días soltando toda a auga que pode. Desde o luns ata onte pola tarde estivo vertendo polos aliviadoiros. Agora xa está por baixo dese nivel, pero manteñen as válvulas de desaugadoiro abertas para que chegue ata a cota de resgardo. Así aseguran que teña cabida para afrontar a auga que lle siga traendo o Umia se volve chover forte.
Ao paso por Caldas, o impacto deste aliviamento do encoro só se notou un pouco nas marxes máis sensibles da ribeira. Pero augas abaixo, nas zonas máis baixas de Valga, Ribadumia, Meis ou Cambados, si que acusaron as arribadas da auga, sobre todo ás horas en que o mar fixo de tapón.
"A marea inflúe, pero se lle abren ao encoro e vén a marea, isto xa se desborda"
A desta semana foi a terceira vez que o Umia asolgaou o local que Mucha Padín, unha veciña de Vilanoviña (Meis), ten alugado como restaurante á beira do río. A auga estragou os almacéns que ten o negocio nos baixos. Temen que se volve chover a partir de mañá, como apuntan as previsións, volva pasar outro tanto. Por iso, amais de coidado coas evacuacións do encoro, piden que se actúe no río.
"Aquí fixo unha illa, e iso había que limpalo. Ata Cambados hai un mundo de illas desas; se o limparan, non pasaba isto"
En Caldas tamén hai quen considera que se debería intervir máis no río e cuestionan as limitacións que hai oficialmente para facelo. Pero teñen claro que o factor clave desta vez é que non para de chover sobre mollado, por iso, din, o fundamental é que por fin escampe.
"Xa non é sen tempo porque son dous meses chovendo", recalca Mucha.