Publicador de contidos
Publicador de contidos

Asasinado un profesor dun instituto en Francia a mans dun exalumno do centro

Asasinado un profesor dun instituto en Francia a mans dun exalumno do centro

O ataque en Arras, que se investiga como terrorista, deixa dous feridos leves

G24.gal 13/10/2023 13:12

O asasinato este venres dun profesor nun liceo da cidade francesa de Arras por parte dun antigo alumno de orixe chechena que era obxecto de seguimento polos servizos secretos polos seus vínculos co integrismo islámico, que ademais causou outros dous feridos, é un ataque terrorista.

A Fiscalía Nacional Antiterrorista (PNAT) anunciou nun comunicado que se fixo cargo da investigación polos cargos de asasinato terrorista, tentativa de asasinato terrorista e asociación terrorista para preparar atentados.

Os feitos ocorreron cara ás 11:00 hora local da mañá no liceo Gambetta de Arras. Un mozo duns vinte anos, que fora alumno alí, matou con arma branca un profesor, que foi degolado, e feriu o director e outro empregado dese instituto de ensino medio, segundo os medios.

O ministro francés do Interior, Gérald Darmanin, indicou na súa conta de Twitter, que o autor do atentado foi detido. Un irmán seu tamén foi arrestado, segundo BFMTV, preto doutro centro educativo.

O asasino proferiu proclamas islamitas durante a súa acción, segundo os medios. En concreto, testemuñas do suceso escoitáronlle dicir "Alá é o máis grande" en árabe.

O Elíseo sinalou que o presidente francés, Emmanuel Macron, vai trasladarse a Arras nas próximas horas, onde tamén se espera ao ministro de Educación, Gabriel Attal.

A falta de elementos precisos, este suceso ten algunhas similitudes co asasinato o 16 de outubro de 2020 do profesor Samuel Paty, nas proximidades do colexio no que ensinaba en Conflans Sainte Honorine, na rexión de París, por un terrorista integrista checheno que se refuxiou coa súa familia en Francia.

Os feitos ocorren nun contexto particular, marcado pola ofensiva terrorista lanzada por Hamás contra o territorio israelí o pasado sábado e a resposta de Israel na Franxa de Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade