Estabilizados os incendios da Gudiña, que arrasou 150 hectáreas, e de Laza, en que arderon 60
Estabilizados os incendios da Gudiña, que arrasou 150 hectáreas, e de Laza, en que arderon 60
Os incendios de Arbo e Entrimo quedaron estabilizados a primeira hora da tarde
Na Gudiña xa son 150 as hectáreas arrasadas
Na Gudiña, na parroquia de Pentes, pouco despois da medianoite deste martes quedou estabilizado o incendio que se declarou ás 13:18 horas do luns e que calcinou unhas 150 hectáreas.
No seu control traballaron catro axentes, catro brigadas, tres motobombas, catro pas, dous técnicos, sete helicópteros e sete avións.
O incendio de Laza, xa estabilizado, afecta 60 hectáreas
Xa son 60 as hectáreas afectadas polo incendio forestal rexistrado en Laza, no lugar de Trez.
A Xunta dá o lume por estabilizado, aínda sen controlar, desde as 18:00. Mobilizáronse ata o momento 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, un técnico, sete helicópteros e catro avións.
O incendio de Entrimo está estabilizado
Así mesmo, está estabilizado o incendio declarado ás 14:20 horas na parroquia de Venceáns, en Entrimo, que afecta o parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Trátase dunha reprodución do incendio rexistrado o pasado 4 de setembro no mesmo lugar, despois de que se iniciase en Portugal. Ata o momento, mobilizouse un axente, cinco brigadas, unha motobomba, un helicóptero e dous avións.
En Arbo dan por controlado o lume
Ás 15:04 horas deste luns quedou controlado o incendio rexistrado no municipio pontevedrés de Arbo, na parroquia de Mourentán. Comezou o domingo ás 23:41 horas.
A superficie afectada é dunhas 20 hectáreas, e nos labores de extinción participan dous técnicos, sete axentes, 24 brigadas, 18 motobombas, dúas pas e dous helicópteros.