Así é a lei do 'só si é si', aprobada no Congreso
Así é a lei do 'só si é si', aprobada no Congreso
Elimínase do Código Penal a distinción entre abuso e agresión sexual
Irene Montero asegura que a lei do 'si é si' coloca España na vangarda feminista
No pleno do Congreso dos Deputados deste xoves aprobouse definitivamente a Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como a lei do 'só si é si', e está lista para a súa publicación no BOE.
Elimínase a diferenza entre abuso e agresión sexual
Coa aprobación da nova normal considéranse como violencia sexual os actos de natureza sexual non consentidos ou que condicionen o libre desenvolvemento da vida sexual nos ámbitos público e privado. Tamén elimina a distinción entre abuso e agresión e regula a necesidade do consentimento expreso.
Polo tanto, inclúe os delitos de agresión sexual, acoso sexual e explotación da prostitución allea, ademais dos demais delitos previstos no Código Penal orientados a menores de idade.
A lei reforma o Código Penal para cambiar a forma na que se xulgan os delitos sexuais, regula o consentimento expreso e remata coa distinción entre abuso e violación.
O consentimento expreso pasará a ser o eixo central para xulgar os delitos sexuais e defínese da seguinte maneira: "Só se entenderá que hai consentimento cando se manifeste libremente, mediante actos que, en atención ás circunstancias do caso, expresen de maneira clara a vontade da persoa".
As vítimas xa non terán que acreditar que sufriron violencia ou que se resistiron. Todo acto sexual sen consentimento será agresión e eliminaranse os abusos sexuais do Código Penal.
A lei recolle a asistencia integral ás vítimas de delitos sexuais e medidas para mellorar a prevención e detección destes casos. Inclúese a maiores unha pena de multa de un a tres meses a quen reenvíe imaxes de terceiros que foran gravadas sen autorización da persoa afectada e que atenten contra a intimidade.
Recoñécese o dereito a recibir axudas ás nais de menores asasinados polas súas parellas ou exparellas e blíndase o financiamento das medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
No caso de que sexan menores os que exerzan delitos sexuais, terán que realizar programas formativos sobre educación sexual e de igualdade de xénero.
Esta lei apróbase catro anos despois da sentencia á Manada, unha violación grupal que se producira durante a celebración do San Fermín no ano 2016.
Norma polémica
A tramitación foi longa e non estivo exenta de polémica. Durante o seu paso polo Congreso estivo a punto de decaer despois de que o PSOE puxera sobre a mesa unha emenda para castigar a todo o que se lucre por calquera vía da prostitución allea, sen necesidade da existencia dunha relación de explotación.
Debido á falta de apoio, os socialistas optaron por retirar a emenda e presentar unha proposición de lei na que se aposta por camiñar cara á abolición da prostitución.
Aínda que quedaron fóra da norma os artigos máis polémicos sobre a prostitución, mantense a emenda para considerar ilícita a publicidade que contribúa a promover esta práctica e recoñecer o dereito á residencia e o traballo ás vítimas en situación irregular, recollidas no marco das autorizacións excepcionais da lei de estranxeiría.