Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así se preparan os cabalos que compiten en Casas Novas, con tratamento de atletas de elite

Así se preparan os cabalos que compiten en Casas Novas, con tratamento de atletas de elite

Preto de 160 animais e competidores de máis de 20 países danse cita desde este venres en Arteixo no Concurso de Saltos Internacional

G24.gal 12/07/2024 11:01

Ao centro hípico das Casas Novas, en Arteixo, xa chegaron os cabalos de alta competición que participarán este ano no Concurso de Saltos Internacional da Coruña

Casas Novas reúne este ano competidores de máis de 20 países. Xinetes e amazonas que deben transportar os seus cabalos, algúns en avión, e logo viaxar en camión ata estas instalacións de Arteixo. Aquí contan con todas as atencións que precisa un animal de alta competición. Reciben tratamento de atleta.

"Desde a entrada á seguridade, temos un equipo de veterinarios e dentro das cortes mesmo temos a sorte de ter 173 fixas en que dispoñemos de duchas. Temos tamén un pavillón, unha nave enteira para as subministracións en que vendemos feo, lascas, cenouras e palla. E todos os coidados necesarios para que os cabalos estean o mellor posible", explica Pierre Tack, xefe de cortes.

Competirán preto de 160 cabalos. Como requisito obrigatorio previo para poder facelo, este xoves foron sometidos a unha inspección veterinaria.

"O primeiro paso que facemos é lerlles o microchip para comprobar que o cabalo é o que corresponde, e despois fanos trotar uns 15 ou 20 metros nun sentido e noutro en liña recta para ver que non coxean nin teñen algunha articulación mancada, ou o que sexa, e son aptos para competir", conta Tack.

Por Casas Novas pasarán novas promesas da hípica, talento galego e tamén algúns dos mellores xinetes e amazonas nacionais e internacionais. Entre eles, os equipos de Francia e España que competirán nos Xogos Olímpicos de París de agosto.

"Os xinetes si que están, son os mellores do mundo, e os cabalos tamén, pero non todos, porque estamos preparando os Xogos", aclara o responsable das cortes en Casas Novas.

A competición arrincará estes venres cunha ampla oferta de deporte e ocio para todos os públicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade