Asturias, cunha trintena de incendios forestais, recibe apoio da UME en Las Regueras
Asturias, cunha trintena de incendios forestais, recibe apoio da UME en Las Regueras
A defensa de edificacións no lume de Las Regueras eleva a "situación 2" o Infopa
O Principado contabiliza nove fogos activos e 21 en revisión
A Unidade Militar de Emerxencias (UME) incorporouse con 60 efectivos e 23 vehículos ás tarefas de extinción do incendio declarado o sábado en Las Regueras, nas proximidades de Oviedo, o máis preocupante dos nove que permanecen activos en Asturias, onde hai outros 21 lumes en fase de revisión.
Un hidroavión do Goberno incorporouse para apoiar os bombeiros da Morgal, Pravia, Grao e Poraza que se desprazaron ata a zona, xunto a persoal dunha cooperativa forestal.
A Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Tabuyo (León) tamén continúa traballando na extinción, mentres que as de Laza (Ourense), Ruente (Cantabria) e Tineo operan noutros focos declarados en Illano, Teverga e Valdés.
Todo apunta a que o lume de Las Regueras, que está a afectar a montes de piñeiros e eucaliptos ben xestionados e que ata o de agora nunca arderan, foi intencionado, xa que se iniciou, segundo algunhas testemuñas, case á vez en tres puntos diferentes distantes entre si.
O lume, que ameazou con alcanzar algunhas casas das localidades de Soto, Bolgues e Pereda, así como a Ablanosa, situado no municipio veciño de Candamo, provocou unha fumareda visible desde Oviedo, que se atopa a poucos quilómetros deste incendio.
A extinción, en principio, está a verse favorecida pola ausencia de vento polo que, segundo a conselleira de Presidencia, Rita Camblor, este novo episodio de incendios é menos preocupante que o rexistrado entre o 23 de marzo e inicios de abril, que terminou cunhas 20.000 hectáreas calcinadas, segundo os primeiros cálculos.
Valdés, o concello máis afectado por esa vaga de incendios, presenta este domingo dous incendios activos -Riopinoso e Biescas- nos que traballan bombeiros do municipio, Varres e Tineo, a BRIF que ten base en Asturias e unha empresa forestal, e outros cinco focos en revisión en Canero, Enverniego, Fontoria, Merás e San Cristóbal.
Ata Illano desprazouse tamén a BRIF de Laza, bombeiros e persoal forestal para combater o lume que se declarou na zona de Navedo. No oriente de Asturias continúa activo o incendio declarado onte en Ribadesella, así como o de Següenco, en Cangas de Onís, ao que se desprazou un helicóptero, bombeiros e traballadores dunha empresa forestal.
En Cangas del Narcea, hai dous lumes, en Rubial e San Pedro da Montaña, que están a ser vixiados polos gardas. En Teverga tamén se rexistrou un foco que está a ser atallado por bombeiros da Morgal e un helicóptero que se verán reforzados pola BRIF de Ruente.
Vinte e dous lumes están tamén sendo obxecto de revisión por parte de axentes do Principado en Valdés (5), Grao (2), Allande (2), Tineo (2), Piloña, Lena, Cabrales, Laviana, Llanes, Onís, Parres, Quirós, Teverga e Villayón.
Asturias mantén activado o nivel dous de alerta do plan de protección Infopa, que se pon en marcha cando hai grave perigo para a poboación e cando se precisan medios extraordinarios.
Os servizos de extinción propios do Principado víronse reforzados coas Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Asturias, Galicia, Cantabria e León, aínda que só medios desta última estaban operativos á noitiña.
O risco de que se declararen lumes forestais en Asturias é "extremo" este domingo en 30 concellos do suroccidente, a cordilleira, os Picos de Europa e parte do litoral oriental, mentres que se manterá "moi alto" noutros 41 municipios do Principado de Asturias.