Asturias segue pendente de 35 incendios e recibe o apoio da UME para a extinción
Asturias segue pendente de 35 incendios e recibe o apoio da UME para a extinción
Nove dos lumes están activos e este domingo reforzáronse os servizos de extinción, mesmo con brigadistas procedentes de Laza
O presidente do Principado, Adrián Barbón, considera "case un milagre" que non haxa que lamentar vítimas humanas
En Asturias segue a loita contra o lume despois case tres semanas. Así traballan os efectivos de BombeirosAstur, adentrándose por pistas de montaña. Este é un dos nove incendios activos. Hai outros 26 en revisión. O que máis preocupaba era o do concello de Las Regueras, porque moitas vivendas estiveron en perigo, pero pola tarde a situación estaba máis calmada.
A Unidade Militar de Emerxencias (UME) incorporouse hoxe con 60 efectivos e 23 vehículos ás tarefas de extinción. As BRIF procedentes de León e Cantabria traballaron conxuntamente con brigadistas do concello ourensán de Laza.
"É case un milagre que a día de hoxe non teñamos que lamentar vítimas humanas. Noutros moitos incendios noutras comunidades houbo mortos. Aquí por sorte, e esperemos que siga sendo así, non houbo falecidos", declaraba o presidente do Principado, Adrián Barbón.
O Goberno autonómico segue a falar de terrorismo incendiario. Cada día chegan datos que apuntan cara á intencionalidade, coma este mesmo domingo.
"Incendio forestal en Onís. Acaban de ver prender dous mozos na beiravía da AS-114", anunciaba sobre a marcha o xerente do Servizo de Emerxencias de Asturias, Óscar Rodríguez.
Malia o reforzo das brigadas, os medios nunca son suficientes. Incendios que parecía extinguidos rexorden con forza, como sucedía no concello de Valdés.
"Chamamos o 112 un montón de xente un montón de veces. Trouxeron o helicóptero uns vinte minutos ou media hora e marcharon. Quedou sen apagar e xa os avisamos: queima toda a serra, queima toda a serra", explicaba un veciño de Valdés.
Para este luns os 78 concellos de Asturias, sen excepcións, estará en risco extremo ou moi alto de incendios.