Atacan o monumento a Sancho Gracia, avó de Daniel Sancho, en Mondariz-Balneario
Atacan o monumento a Sancho Gracia, avó de Daniel Sancho, en Mondariz-Balneario
Ocorreu pouco despois de que se coñecera a sentenza que condena o seu neto polo crime de Tailandia
O Concello de Mondariz-Balneario devolverá ao seu lugar orixinal a escultura do actor Sancho Gracia, que retirou onte despois de que fose vandalizada con pintura vermella, "cando as augas acouguen".
A Garda Civil investiga quen guindou un bote de pintura vermella sobre a escultura que lembraba o actor nos xardíns do vello Gran Hotel de Mondariz-Balneario, hoxe complexo de apartamentos.
O ataque produciuse, segundo o alcalde, menos dunha hora despois de que se coñecese a sentenza que condena ao seu neto, Daniel Sancho, polo asasinato de Edwing Arrieta en Tailandia.
Cando chegaron o alcalde e outros técnicos municipais a pintura que chegou a peaña de pedra aínda estaba fresca.
Inicialmente tentaron limpala cunha máquina de auga a presión e como non foi posible foi retirada do lugar para poder restaurala.
Turistas e veciños lamentan o acto vandálico e que se castigue ao avó por un acto cometido polo neto.
De momento, no Concello descoñecen quen foi o responsable da vandalización da escultura, que colocou en 2014 o anterior alcalde, José Antonio Lorenzo, xunto ao Gran Hotel.
A escultura, do falecido actor no seu papel de Curro Jiménez xunto ao busto dun cabalo, é obra do artista vigués José Molares, e colocouse no seu momento en Mondariz-Balneario para recoñecer a Sancho Gracia o seu labor de dar a coñecer este pequeno municipio no resto de España.
Na zona hai algunhas cámaras de seguridade, pero ningunha apuntaba aos xardíns en que ocorreu o suceso.