Publicador de contidos
Publicador de contidos

Adeus inesperado á actriz Verónica Forqué

Adeus inesperado á actriz Verónica Forqué

A Policía investiga a hipótese dun suicidio 

O pasado novembro recolleu un premio Cineuropa en Santiago de Compostela

Foi a primeira actriz en recibir dous premios Goya na mesma edición 

Superara unha dura depresión tras o seu divorcio e a morte do seu irmán

G24.gal 13/12/2021 14:19

Loito no mundo do cine e da televisión e loito no corazón dos seus moitos seguidores.

A actriz Verónica Forqué, premiada con catro Goyas, icona do cinema español, apareceu morta este mediodía no seu domicilio de Madrid, a onde acudiron os sanitarios do Summa alertados por unha chamada ao 112. Ao chegaren, canda a Policía Nacional, só puideron certificar a morte da actriz. A axencia EFE e varios xornais apuntan a posibilidade dun suicidio.

Verónica Forqué, de 66 anos, era filla do director e produtor de cine José María Forqué e da escritora Carmen Vázquez-Vigo.

Reputada actriz de teatro, co seu sorriso e a súa dozura, conseguiu a fama e a popularidade coa película de 1983 ¿Qué he hecho yo para merecer esto?,  do director Pedro Almodóvar, e pouco despois con Bajarse al moro, de Fernando Colomo. O primeiro Goya chegoulle con El año de las luces, de Trueba, en 1986. Con outra película de Colomo, La vida alegre, gañou o Goya como protagonista en 1987, e na mesma edición, outro como actriz de elenco en Moros y cristianos, de Berlanga. O cuarto premio chegaría con Kika, de Almodóvar, en 1993.

Xa nos anos 90 encetaría varios éxitos de público como Salsa rosa e ¿Por qué lo llaman amor cuando quieren decir sexo?, ambas de Gómez Pereira.

Ata hoxe era, xunto a Carmen Maura —ambas consideradas raíñas da comedia madrileña—, a actriz con máis Goyas no seu haber. Destacaba nela a súa faceta cómica e inxenua e a proximidade que lles imprimía ás súas personaxes.

Ultimamente, volveu estar de actualidade polo seu paso por un coñecido programa de cociña de televisión, onde quedou patente o gran cariño que lle profesaba ao público pero tamén o grande esforzo psicolóxico que lle supuxo, ata o punto de retirarse da competición.

Verónica Forqué estivo casada desde 1981 ata 2014 co director de cine Manuel Iborra, con quen tivo unha filla. O seu divorcio, xunto á morte do seu único irmán Álvaro en 2015, supúxolle unha fonda depresión, que aseguraba ter xa superada.

O seu último traballo no teatro, Las cosas que son verdad, dirixida por Julián Fuentes,  valeulle un premio Max como protagonista en 2020.

A súa última película, a número 47, Espejo, espejo, de Marc Crehuet, rodada no verán de 2020 en plena pandemia, estrearase o vindeiro ano.

Un dos seus últimos actos en público foi xustamente en Galicia, o pasado 16 de novembro, cando recolleu en Santiago un dos premios do certame Cineuropa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade