Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan o corpo dun home aboiando no encoro de Vilasenín en Ordes

Atopan o corpo dun home aboiando no encoro de Vilasenín en Ordes

Trátase dun veciño de Ordes de 73 anos que saíra pescar a tarde anterior

Aboiaba preto da marxe e vestido co traxe de vadear 

G24.gal 25/05/2023 09:10 Última actualización 25/05/2023 14:47

Case na ribeira do encoro de Vilasenín, nunha zona onde se fai pé. É o lugar onde apareceu o corpo sen vida dun veciño de Ordes que saíra pescar na tarde anterior. Ao non regresar, o fillo alertou a Garda Civil. Á unha da madrugada localizaron o coche e dúas horas máis tarde o cadáver na auga. Foron os bombeiros de Ordes os que se encargaron de sacalo. 

"Xa no punto comprobamos que cos nosos medios podiamos sacalo, montamos un dispositivo lumínico para traballar con seguridade e agardamos polos servizos forenses para levantar o cadáver", explica José Luis Pareja, cabo xefe dos Bombeiros de Ordes.

O falecido aboiaba boca abaixo, vestía o traxe de vadear e tiña a cana preto. A zona semella tranquila e toda apunta a que afogou ao caer e non poder erguerse despois.

"A vítima estaba equipada con apeiros e vestimenta de pesca. Non se vían malas condicións de visibilidade nin a orografía do terreo semella complexa", engade José Luis Pareja.

O corpo do home, de 73 anos, foi trasladado ao Imelga, en Santiago, onde se lle fará a autopsia que determine as causas da morte.

"A simple vista non había síntomas de violencia, pero iso é competencia dos servizos forenses que terán que comprobalo", aclara o bombeiro.

No dispositivo de rescate participaron 3 patrullas da Garda Civil e catro efectivos do parque de bombeiros de Ordes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade