Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un home atropela un can en Vilagarcía e remata no hospital mordido por outro

Un home atropela un can en Vilagarcía e remata no hospital mordido por outro

Os animais entraran de noite na circunvalación norte, por onde circulaba o home

Ao baixar do coche para auxiliar o animal atropelado, foi atacado polo outro can

 

G24.gal 19/09/2024 14:32

Dous pastores alemáns fuxidos da mesma casa lograron coarse na variante norte de Vilagarcía na noite do martes. Á altura do quilómetro 7, xusto no carril de desacelaración, un condutor chocou cun deles. O accidente foi leve, pero acabou tendo sorprendentes consecuencias.

"Eran preto das doce da noite e nos deron o aviso de que había un can atropelado nun accidente leve. Enviamos o servizo de recollida de animais, pero cando chegaron atoparon que o condutor tamén estaba ferido, pero non polo accidente, senón porque fora atacado por outro can despois", explica Francisco Guillén Busto, xefe do servizo de emerxencias de Vilagarcía. 

O ataque produciuse cando o condutor saíu do coche a auxiliar o animal atropelado. Os servizos de emerxencias chamaron unha ambulancia, pero finalmente o home foi polos seus propios medios ata o hospital do Salnés. Alí atendérono das mordeduras no costado e nas pernas. Mentres, os operarios lograron localizar o dono dos cans.

"Son da mesma casa e do mesmo dono. Tiñan chip, así que demos pronto co propietario que se fixo cargo dos dous cans, o atropelado e o que atacou", engade Francisco Busto.

Malia que este tipo de vías teñen valados para que non entren animais, é posible que se meteran por algún dos accesos onde non hai barreiras. Unha aventura perigosa, a destes cans, que puido ter consecuencias aínda peores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade