Audasa di adeus á bonificación do IBI; máis de 30 concellos ingresarán máis de seis millóns
Audasa di adeus á bonificación do IBI; máis de 30 concellos ingresarán máis de seis millóns
A concesionaria beneficiábase ata o de agora dunha redución do 95 % do imposto acordada en 1972
O máis beneficiado será o de Santiago, que pasará a cobrar uns 700.000 euros, fronte aos 15.740 euros que viña percibindo por este concepto
As arcas municipais dos máis de 30 concellos galegos das provincias da Coruña e Pontevedra polos que discorre a autoestrada AP-9 (desde Ferrol ata Tui) verán incrementados os seus ingresos este ano en concepto do IBI que paga a concesionaria desta vía, unha taxa que, ata o de agora, estaba bonificada nun 95 % ao amparo dunha lei franquista do ano 1972.
Así, tras finalizar a vixencia desa bonificación, no caso das cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo pasarán a ingresarán neste 2024 un total de 1,4 millóns de euros, fronte aos pouco máis de 70.000 euros que cobraron por este concepto o ano pasado, multiplicando por 20 o importe.
No caso de Vigo, tal e como confirmaba nas últimas horas o seu alcalde, Abel Caballero, a concesionará pasará de pagar unha taxa duns 18.000 euros a abonar 383.000; mentres que a cidade de Pontevedra ingresará case 315.000 euros, fronte aos 15.740 euros cobrados ata o de agora, e A Coruña, segundo confirmaron este xoves fontes municipais, cobrará algo máis de 26.000 euros, fronte aos 1.312 euros anteriores.
Con todo, a cidade que máis ingresará por este concepto é Santiago, que ata o de agora cobraba a Audasa, coa bonificación do 95 %, uns 35.000 euros, e este ano pasou xa un recibo duns 700.000 euros. Uns fondos adicionais que, destacou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, reverterán en "seguir mellorando os servizos públicos e infraestruturas locais".
A estes incrementos hai que sumar os do resto de municipios polos que discorre a chamada Autoestrada do Atlántico. Así, no seu momento, fontes da Deputación da Coruña estimaran os ingresos de 18 concellos da provincia nuns 3,7 millóns de euros (fronte aos 175.000 euros anteriores) en concepto do IBI que debe pagar a concesionaria.
No caso da provincia de Pontevedra, a Deputación sinalou no seu momento que os concellos que xestionan os seus tributos a través da oficina ORAL (Barro, Caldas, Meis, Pontecesures, O Porriño, Poio, Mos, Moaña, Tui, Valga, Pontecesures e Vilaboa) pasarán de cobrar uns 118.000 euros a recibir un total duns 2 millóns.