En-Colectivo cre que Audasa mete presión ao Goberno coa súa ameaza de reclamación
En-Colectivo cre que Audasa mete presión ao Goberno coa súa ameaza de reclamación
A concesionaria da AP-9 advirte de que reclamará mil millóns se finalmente se anula a última prórroga
Audasa abre un novo preito polo que deixou de ingresar durante os confinamentos da pandemia
Audasa, a concesionaria da AP-9, advirte que reclamará mil millóns de euros ao Estado se finalmente se anula a última prórroga concedida a esta autoestrada.
Reclamará máis de mil millóns de euros como compensación se non se lle permite explotar a autoestrada ata o 2048. A cifra sería suficiente para cubrir a débeda que Audasa ten actualmente, que ascende a 1.065 millóns de euros, e que foi en aumento nos últimos anos.
"Audasa o que fixo foi repartir beneficios en lugar de amortizar a débeda, e iso non é correcto", di o avogado de En-Colectivo, Carlos Cenalmor.
A Comisión Europea abriu expediente a España polas prórrogas concedidas sen concurso público. A advertencia de Bruxelas chegaba tras a demanda presentada pola asociación viguesa En-Colectivo, que considera que o último movemento de Audasa é unha medida de presión.
"O que fai é mover ficha para meter presión ao estado", di o avogado.
En-Colectivo continúa coa recollida de sinaturas na súa web para esixir ao Goberno central que acate ditame europeo que poña fin á concesión e a libere de peaxes.
O Goberno central prepara a resposta á carta de emprazamento da Comisión Europea. Ten ata o día 23 para xustificar a ampliación das concesións na autoestrada. Ademais Audasa inicia un novo preito polo diñeiro que a concesionaria deixou de gañar durante os confinamentos pola pandemia.