O Congreso volve adiar o debate da transferencia da AP-9 a Galicia
O Congreso volve adiar o debate da transferencia da AP-9 a Galicia
O PP denuncia un boicot á inciativa despois de que a Mesa do Congreso ampliara o prazo para presentar emendas
Esta demanda, que reclama por unanimidade o Parlamento de Galicia, non poderá abordarse ata o 2025
A mesa do Congreso, con maioría de PSOE e Sumar, volve adiar o debate parlamentario da transferencia da titularidade da AP-9. Faino por décimo quinta vez desde que en xuño o Congreso acordara tramitar pola vía de urxencia unha lei avalada por unanimidade do Parlamento de Galicia. O Goberno galego reitera a súa demanda.
"Non nos cansaremos de insistir na transferencia desa infraestrutura que vertebra o noso territorio. Un pedimento que se aproba nesta cámara pero non no Congreso dos Deputados", di María Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
O Partido Socialista réstalle importancia a este novo adiamento: "Esta é unha tormenta nun vaso de auga que están facendo o PP e o BNG. Todas as semanas se amplía o prazo de emendas de moitas leis", xustifica César Mogo, deputado do PSOE.
O BNG defende os esforzos por rebaixar as peaxes dunha das autoestradas máis caras de España. E pídelles aos partidos que integran a Mesa de Congreso que cumpran o seu compromiso. "Reclamámoslle ao PSOE e a Sumar que deixen de bloquear a transferencia da AP-9", pide Néstor Rego, deputado do BNG.
O Partido Popular di que se está boicoteando a posibilidade dun traspaso da autoestrada en condicións xustas para Galicia. "É un boicot inaceptable. Todas as forzas políticas de Galicia deberiamos estar dicindo o mesmo. É unha mágoa que o Partido Socialista de Galicia estea consentindo esta aldraxe", asegura Celso Delgado, deputado do Partido Popular.
O Ministerio de Transportes ve nesta transferencia da AP-9 unha operación difícil e cun encaixe xurídico complicado.