Un falecido en Galicia pola covid–19 nunha xornada en que seguen á alza as infeccións
Un falecido en Galicia pola covid–19 nunha xornada en que seguen á alza as infeccións
Os casos activos son 1.179 (+102)
Hai 46 pacientes nos hospitais, tres menos que 24 horas antes
Son así 2.656 as persoas mortas en Galicia pola covid–19 durante a pandemia
Unha xornada máis segue a incrementarse o número de persoas contaxiadas polo virus en Galicia. Nas últimas 24 horas son algo máis dun cento as persoas infectadas (+102) para un total de 1.179 con covid–19.
Tamén aumenta, aínda que se frea un pouco, o número de positivos diarios, e con datos das 18 horas do sábado son 137 (+4) as persoas diagnosticadas en todas as probas realizadas.
Máis positivo é o dato da presión hospitalaria, xa que son 46 as persoas ingresadas, tres menos que a xornada previa. Hai dez enfermos nas UCI, dous menos que 24 horas antes, e 36 con atención en cuarto illado en planta, un menos.
Son 1.133 os infectados que pasan a enfermidade baixo control médico nos seus domicilios.
Situación por áreas sanitarias
As áreas da Coruña e Ourense concentran máis da metade das infeccións activas en Galicia. Nas dúas están a piques de chegar aos 300 casos de persoas co virus. A mellor situación hospitalaria aparece nas áreas de Pontevedra e de Vigo, coas UCI libres de pacientes con covid–19, e en Santiago, onde non queda ningún paciente ingresado en planta con coronavirus e permanece un con atención permanente na UCI.
O Sergas notifica un novo deceso este domingo por causa da covid–19; a cifra de falecidos durante a pandemia en Galicia é de 2.656. A última vítima mortal do virus é un home de 70 anos que permanecía ingresado no Hospital da Coruña.