Aumentan os usuarios do tren en Galicia
O corredor do eixe atlántico é o media distancia con máis pasaxeiros de España
En Galicia, máis de sete millóns catrocentos mil pasaxeiros empregaron o tren en 2024. A cifra representa un 6,1% máis que o ano anterior.
Os atrasos repetidos por incidencias técnicas non frean a tendencia á alza da demanda, que Renfe liga á prórroga dos abonos gratuítos para viaxeiros frecuentes.
O servizo que conecta A Coruña e Santiago con Vigo consolidouse como o de media distancia máis demandado de España. Trasladou o ano pasado cinco millóns trescentas mil persoas, un 7 % máis que en 2023.
O Avant A Coruña-Santiago-Ourense tamén aumentou nun 4 % o número de pasaxeiros, ao recibir máis dun millón e medio de usuarios. O Avant Ourense-Zamora e o de proximidades Ferrol-Ortigueira incrementaron igualmente os seus clientes, nun 14 % e nun 27 %, respectivamente.