Autorizan a concentración, pero non cortar a vía, no paso a nivel de Recimil
Autorizan a concentración, pero non cortar a vía, no paso a nivel de Recimil
Os veciños pretendían cortar a vía férrea todos os días, desde hoxe, entre as 14:00 e as 15:00 horas para reclamar a colocación dun semáforo no paso a nivel ou a súa supresión definitiva tras o accidente da semana pasada en que morreron dous mozos
Os veciños de Recimil e Coeo, en Lugo, dispoñen de autorización para concentrarse a partir deste mércores nas inmediacións do paso a nivel onde a semana pasada un tren atropelou o vehículo en que viaxaban tres mozos leoneses, co resultado de dous falecidos e un ferido de gravidade.
Con todo, a Subdelegación do Goberno en Lugo informou, despois de avaliar os informes presentados por ADIF e as policías Local e Nacional, que non poderán cortar, tal e como tiñan previsto, a vía férrea nese punto en sinal de protesta.
De feito, comunicouse aos colectivos veciñais unha resolución na cal se informa de que “a concentración debe desenvolverse fóra da zona de protección da vía férrea, sen intervención na circulación ferroviaria e de vehículos polo paso a nivel”.
Reitera, por tanto, que “os participantes na concentración non poderán invadir a zona de protección e a vía férrea”.
Os veciños tiñan previsto cortar a vía férrea todos os días, desde hoxe, entre as 14:00 e as 15:00 horas, para reclamar a colocación dun semáforo no paso a nivel ou a súa supresión definitiva.
A propia alcaldesa de Lugo Lara Méndez reuniuse nas últimas horas con representantes dos veciños e comprometeuse a mediar con ADIF para buscar unha solución ao problema canto antes.