A arte urbana cobra protagonismo nos espazos galegos
A arte urbana cobra protagonismo nos espazos galegos
Aumenta a demanda de graffitis
Cada vez hai máis encargos de particulares, empresas e institucións
Co esbozo nunha man e o spray na outra Rubén dálle forma a un ferreiriño común. Os animais e a natureza son parte da temática preferida deste artista urbano. O mundo do graffiti está en auxe e canda el as empresas dedicadas a el. A empresa Trece Trazos naceu en plena pandemia e agora particulares, empresas e mesmo institucións públicas forman parte da súa carteira de clientes.
Rubén Paz fixo da afección profesión e agora non para de recibir encargos.
Rubén Paz, graffiteiro: "Era unha afección cos amigos e sen intención de que me deixasen un sitio para pintar, daquela pintaba escondido sen medios nin apoio. É unha moda que saltou agora e hai moitísima demandas deste tipo de encargos".
Nun restaurante de Lugo apostaron polo seu traballo. Buscaban algo diferente, orixinal e ao mesmo tempo propio e sentimental.
Carlos Arias, hostaleiro: "É unha imaxe da casa de meu pai e a outra a imaxe da casa onde naceu a miña muller".
Tampouco faltan encargos particulares e homenaxes.
"Isto está xusto diante da nosa casa. É o noso can, foi unha cousa do meu pai".
Cunha ou outra temática a arte urbana triunfa nas rúas.
"A min encántame. Oxalá estivese todo así, mellor que feo e gris".
"Debuxos tan traballados e complicados é unha forma de arte como calquera outra, non todo está dentro dun museo".
Trazos de cor que dan forma a unha expresión artística en auxe.