Rosa Quintana: "A lei do litoral busca evitar as constantes trabas do Goberno"
Rosa Quintana: "A lei do litoral busca evitar as constantes trabas do Goberno"
A conselleira do Mar presenta a norma aos integrantes do Consello Galego de Pesca
Galicia avanza na tramitación da futura lei do litoral. A conselleira do mar reuniu este venres representantes das confradías, armadores e cooperativas do mar para analizar xuntos o novo texto.
Rosa Quintana salientou que esta lei quere darlles seguridade xurídica ás empresas, e velar polos investimentos pasados e futuros. A conselleira defende a normativa fronte ao Goberno central, que acusa a Xunta de invadir competencias do Estado.
A conselleira do Mar asegurou que "entre os fins últimos desta regulación -a lei do litoral- está evitar as constantes trabas do Goberno central ao desenvolvemento das actividades asentadas no litoral".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou onte xoves que será ao longo desta primavera cando a Xunta aprobe o proxecto de lei, que posteriormente será enviado ao Parlamento para a súa tramitación.
Segundo indicou Quintana aos integrantes do Consello Galego de Pesca, o texto impulsado pola Xunta "busca definir claramente os usos e actividades que se poden desenvolver na costa, especialmente aqueles considerados estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico do litoral, como poden ser os vinculados co complexo mar-industria".