Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avaría xeral nos trens de proximidade en Cataluña por un roubo de cobre

Avaría xeral nos trens de proximidade en Cataluña por un roubo de cobre

Rodalies, a compañía de servizos ferroviarios da comunidade, aconsella usar outros medios de transporte

O Govern cualifica de "intolerables" as incidencias que, considera, poden afectar o dereito a voto da cidadanía

O roubo provocou unha cadea de incendios que obrigaron a pechar durante media hora unha estación de metro

Decenas de persoas agardan na estación de Sans (Barcelona). EFE/Toni Albir Decenas de persoas agardan na estación de Sans (Barcelona). EFE/Toni Albir
G24.gal 12/05/2024 09:21 Última actualización 12/05/2024 13:25

Un novo roubo de cobre, que ocasionou unha "sobretensión" na área de Montcada Bifurcación (Barcelona), provocou cortes na circulación dos trens de todas as liñas de Rodalies de Renfe en Cataluña, onde se celebran eleccións autonómicas.

Segundo informa Rodalies nun comunicado, o roubo afecta tamén as subestacións, o que impide que os trens circulen polos túneles de Barcelona e entre as estacións dos treitos Maçanet-Granollers-El Clot e Maçanet-Mataró-El Clot.

Do mesmo xeito, os trens que circulan polos tramos do sur da rede só poden chegar ata as estacións de Bellvitge e L'Hospitalet de Llobregat, e os que o fan polo norte conclúen o seu percorrido en Cerdanyola e Montcada Ripollet. A compañía aconsella usar outros medios de transporte.

Técnicos do xestor ferroviario Adif traballan dende a madrugada para "minimizar a afectación na medida do posible".

"Nestas circunstancias non é posible garantir a circulación ferroviaria e recoméndase utilizar outros medios de transporte", indica Rodalies.

Protección Civil, ante as consecuencias deste roubo de cobre, activou en fase de prealerta o plan FERROCAT.

Xente na estación de Ocata. EFE/Enric Fontcuberta Xente na estación de Ocata. EFE/Enric Fontcuberta

"Intolerable e inaceptable"

O Govern cualificou de "intolerables" as incidencias xeneralizadas que se están a producir durante a celebración dos comicios autonómicos que, considera, poden "afectar" o dereito a voto da cidadanía.

Nunha comparecencia para informar sobre o inicio da xornada electoral, a vicepresidenta Laura Vilagrà pediulle ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que "restableza" a normalidade "canto antes" no servizo, tras o "caos" "intolerable e inaceptable".

Do mesmo xeito, instoulle a pedir desculpas ás persoas afectadas.

Un dos trens afectados na estación de Sans (Barcelona). EFE/Toni Albir Un dos trens afectados na estación de Sans (Barcelona). EFE/Toni Albir

Incendios nos cables

O roubo de cobre provocou ademais unha cadea de incendios no cableas do sistema de sinalización e obrigou a pechar durante media hora a estación do metro en Sagrega, en Barcelona. Alí están as paradas de Rodalies e as conexións coas liñas L1, L5, L9 e L10N.

Ata a estación, segundo fontes do Concello de Barcelona, desprazáronse oito dotacións de bombeiros para ventilar as instalacións. Media hora despois, a estación reabriuse para a circulación de convois e para o acceso de viaxeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade