Publicador de contidos
Publicador de contidos

A forte choiva deixa acumulacións de ata 110 litros por metro cadrado

A forte choiva deixa acumulacións de ata 110 litros por metro cadrado

A Xunta activa o Plan Especial ante o Risco de Inundacións porque se agarda un incremento importante dos caudais 

Está en vixilancia especial a estación do río Lérez, en Pontevedra, polo que o 112 pide extremar as precaucións nas súas beiras

Tamén houbo ventos importantes con refachos de máis de 100 quilómetros á hora

G24.gal 04/05/2024 09:59 Última actualización 04/05/2024 21:07

As intensas choivas obrigaron a activar o aviso amarelo nas provincias da Coruña e Pontevedra ata as tres da tarde deste sábado. Nalgúns puntos, rexistráronse acumulacións superiores aos 100 litros por metro cadrado.

En Muralla, no concello de Lousame, chegaron aos 110 l/m2, en Santa Comba aos 106 e no Val do Dubra aos 80 l/m2. Na provincia de Pontevedra, as zonas nas que caeu máis auga son Cuntis (79 l/m2) e Poio (78 l/m2).

Xornada tamén de forte vento, que provocou caídas de árbores e desprendementos de terra. Segundo datos de MeteoGalicia, o refacho máximo de 108,8 km á hora rexistrouse na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras.

Tamén houbo ventadas importantes, por riba dos 100 km/hora, no Penedo do Galo en Viveiro, no Xistral en Muras e no monte Xesteiras, en Cuntis.

Activado o Inungal

Por esta razón, a Xunta activou o Plan Especial ante o Risco de Inundacións en Galicia (Inungal) co obxectivo de facer un seguimento das estacións que miden a capacidade dos ríos, xa que se agarda un incremento importante dos caudais nas vindeiras horas.

Está en vixilancia especial a estación do río Lérez, en Pontevedra, polo que o 112 pide extremar as precaucións nas súas beiras.

Os servizos de emerxencias manteñen un seguimento en tempo real dos ríos da comunidade para comprobar o seu estado. Os encoros están por enriba da media desta época, ao superar o 85 % da súa capacidade.

De madrugada volverase activar o aviso amarelo por precipitacións no litoral de Muros e Noia e na ría de Arousa. Tamén en toda a provincia de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade