Baixan un 30 % as ventas de polbo á feira
Baixan un 30 % as ventas de polbo á feira
Minguan as vendas e o número de racións que levan os clientes
É día de feira en Ourense. Aquí acoden cada sete e dezasete do mes as polbeiras e polbeiros do Carballiño. Dende a súa asociación estiman que no último ano as vendas descenderon arredor dun trinta %. Manteñen os prezos a dez euros a ración, pero aínda así aseguran que non son poucos os clientes que se decantan por levar menos cantidade ou deixalo para ocasións especiais. Din que entenden que a suba xeneralizada dos prezos está detrás deste freo nas vendas, e esperan que a situación non empeore coa chegada do inverno.
"En festas si que se vendeu máis ca no inverno, pero vai baixando a venda. O costume que tiña antes a xente das feiras tamén se perde un pouco, antes coa xente maior, igual coa covid a xente queda na casa, todo iso afectou moito, si que se notou".
Minguan as vendas e o número de racións que levan os clientes.
"O que levaba catro agora o mellor leva dúas, o que levaba seis leva tres. Se os cartos non renden a final de mes non dás chegado, e hai que repartir".
Por iso manteñen o prezo da ración de polbo a dez euros, malia que no sector tamén sofren ese aumento nos gastos.
"Percibimos que hai unha baixa de vendas no polbo, e tamén percibimos que a materia prima é mais cara".
Dende a Asociación de Polbeiros do Carballiño apuntan a unha baixa nas vendas no último ano que roza o trinta %.
"Se son moita xente na casa, imaxina que leven dez racións, xa lle é un gasto bastante grande. Si, isto agora case é un artigo de luxo".
Os turistas tiveron moito que ver coa repunta nas vendas durante o verán, e seguen a ser incondicionais do polbo á feira.
"Paramos aquí porque imos cara a Navarra, só paramos aquí para comer o polbo, aí temos a autocaravana".
Tamén atopamos os habituais na feira, os que pensan que un bo prato de polbo ben merece o que se paga por el.
"Está riquísimo, é que non é o mesmo comelo aquí que aínda que sexa un domingo de rúa e con caldeira igual, ten outra esencia".
"Dezaseis euros vale en Barcelona, pero cunha trampa, que alí leva polbo arriba e cachelos por baixo, e véndeno como polbo a feira, entón para valorar o que estamos pagando aquí. E a verdade é que hoxe o polbo estaba riquísimo".
Agora agardan que a situación polo menos se manteña e non empeore cunha nova baixa nas vendas coa chegada do inverno.