Baixas masivas, suspensións e atrasos tras oito meses de folga na quenda de oficio
Baixas masivas, suspensións e atrasos tras oito meses de folga na quenda de oficio
Os avogados de oficio reclaman melloras retributivas e que poidan incluírse no réxime da Seguridade Social
O venres celebrouse o Día da Xustiza Gratuíta pero para os avogados da quenda de oficio foi outra xornada reivindicativa en case oito meses de folga. Reclaman xubilacións dignas e que a xustiza de balde non sexa a costa do seu peto.
"As cousas están peor. Prodúcense baixas masivas (de avogados da quenda de oficio) en moitos partidos xudiciais: Ourense, Pontevedra, Marín. O servizo estase deteriorando cada vez máis", asegura Julio Benito, letrado da quenda de oficio.
Segundo o último informe do Observatorio da Xustiza Gratuíta, cada vez son menos os avogados apuntados á quenda de oficio. Unha das principais queixas dos profesionais é a baixa remuneración: unha media de 150 euros por expediente.
"No caso da violencia de xénero, accédese á xustiza gratuíta, con carácter universal nos casos de violencia sobre a muller, independentemente do patrimonio que se teña e dos ingresos, pero iso o sufragan os avogados da quenda de oficio porque non o sufraga ningunha administración pública", explica.
A administración galega inviste algo máis de catro euros por habitante na quenda de oficio, dous euros por debaixo da media española. Hai negociacións pero non parece que avancen.
"O director xeral de Xustiza da Xunta fala do principio 'pacta sunt servanda', os pactos teñen que ser cumpridos, pero eu lle contestaría 'rebus sic stantibus' que en circunstancias excepcionais os contratos poden ser flexibilizados", engade.