Publicador de contidos
Publicador de contidos

Baltar desbota dimitir e reitera que foi un erro illado e que pagou a multa sen alegacións

Baltar desbota dimitir e reitera que foi un erro illado e que pagou a multa sen alegacións

A preguntas dos grupos da oposición, Xosé Manuel Baltar explicou que viaxaba só no vehículo e que se desprazaba a Madrid por motivos de traballo

PSOE e BNG piden un pleno urxente ao ver "insuficiente" a súa explicación 

G24.gal 28/04/2023 20:50 Última actualización 28/04/2023 21:39

O presidente da Deputación de Ourense reiterou hoxe nun pleno da institución as súas desculpas por conducir un vehículo a 217 quilómetros hora na A-52 á altura de Zamora.

Tras reiterar as súas desculpas polo "descoido" relacionado cun exceso de velocidade, Baltar subliñou que asume "persoalmente o erro administrativo" e que non presentou alegacións.

A preguntas dos grupos da oposición, Xosé Manuel Baltar asegura que non pensa dimitir, que viaxaba só no vehículo e que se desprazaba a Madrid por motivos de traballo.

Na quenda de preguntas, varias formacións políticas pedíronlle explicacións ao presidente do PP provincial polos motivos da súa viaxe e outras cuestións relacionadas coas sancións a coches oficiais da Deputación.

Baltar explicou que viaxou solo por motivos de axenda relacionados coa "xestión ordinaria" da Deputación e que non cargou ningún gasto ou dieta ás arcas do ente provincial.

Tamén deixou claro que non pernoitou en Madrid, eludindo dar máis detalles porque este aspecto pertence á súa "vida privada", ademais de negar os pagos da peaxe da AP-6 ao "non usar esa vía".

Ao preguntarlle pola axenda da súa viaxe, o político aclarou que o motivo da viaxe era participar en diversas reunións, unha coa Fundación de Democracia e Goberno local e un acto de turismo como relator, en calidade de presidente da agrupación de vilas e localidades termais europeas.

PSOE e BNG piden un pleno urxente 

O PSdeG-PSOE e o BNG solicitaron un pleno urxente e extraordinario na Deputación de Ourense tras ver insuficientes as explicacións ofrecidas polo presidente da Deputación e do PP provincial, Manuel Baltar, sobre os motivos do seu desprazamento.

En declaración realizadas aos medios ao finalizar o pleno ordinario, o voceiro socialista Rafael Rodríguez Villarino, confirmou esa solicitude tras lamentar a "absoluta falta de explicacións" e "evidentes falsedades".

O PSOE provincial considera "insuficientes" as explicacións dadas polo político e reclaman un pleno con este único punto na orde do día, a fin de aclarar as posibles responsabilidades derivadas da conducta do presidente da institución.

“Tras coñecer que ese mesmo vehículo oficial acumula ata 10 sanción durante este mandato e que en tres delas o presidente foi identificado como o infractor, queda evidenciada unha mentira máis de Baltar", explicou Villarino,

Tamén advertiu que "non se trata dun erro illado" como sostivo o propio Baltar senon "unha conduta temeraria e ilegal reiterada, executada con fondos e medios públicos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade