Publicador de contidos
Publicador de contidos

Identifican un condutor na Coruña que se gravou circulando a 210 km/h pola terceira ronda

Identifican un condutor na Coruña que se gravou circulando a 210 km/h pola terceira ronda

A velocidade máxima permitida no punto no que cometeu a infración era de 100 km/h

Imaxe cedida pola Garda Civil
G24.gal 19/10/2024 11:39

Axentes do grupo de Investigación e análise de tráfico (GIAT) do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia lograron localizar un condutor da Coruña que se gravou circulando co seu vehículo a unha velocidade de 210 km/h e subiuno ás redes sociais. A infracción sucedeu na AC-14, a terceira ronda, con zonas coa velocidade permitida de 80 km/h, pero que no punto da gravación, o quilómetro 5,9, a velocidade está limitada a 100.

Todo sucede como consecuencia da monitorización e seguimento que ese grupo de investigación realiza das redes sociais e distintos medios telemáticos. Así o 6 de outubro localizaron un vídeo subido a unha rede social, onde se aprecia un condutor gravando o interior do seu vehículo mentres conduce. Nas imaxes obsérvase que o velocímetro indica unha velocidade que alcanza o seu punto máximo de 210 km/h, na contorna da Zapateira.

A Garda Civil iniciou unha investigación, coa que logrou a identificación plena deste condutor e procedeu a investigalo como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, por conducir superando a velocidade establecida en máis de 80 km/h ao tratarse dunha vía interurbana, segundo tipifica o artigo 379 do Código Penal.

Desde o Sector de Tráfico de Galicia agradecen a colaboración cidadá que a diario alerta sobre comportamentos perigosos mediante a comunicación directa ao 112 ou a calquera outro teléfono de emerxencia.

A Garda Civil conta cunha canle de colaboración sobre feitos delituosos ou infraccións en xeral e toda a xestión desa información trátase de xeito reservado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade