Publicador de contidos
Publicador de contidos

Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino loitarán por un billete para a Copa

Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino loitarán por un billete para a Copa

O Baxi, que venceu o Celta na Malata, ten mellor diferenza de puntos

Tras derrotar o Bembibre, o Ensino ten que gañar e agardar na última xornada da primeira volta

G24.gal 31/12/2023 16:10

A próxima edición da Copa contará cun equipo galego. Ou Baxi Ferrol ou Durán Maquinaria Ensino estarán nesa cita que en 2024 acolle Huelva. Co mesmo número de vitorias e derrotas, a vantaxe é para o equipo ferrolán, que presenta unha mellor diferenza de puntos global. 

Ao final veremos as contas. Pero a esa situación chégase tras as vitorias conseguidas este sábado polos dous equipos. O Baxi puido co Celta Zorka Recalvi nun derbi que foi igualado 

ata os primeiros minutos do terceiro cuarto. Daquela, a inspiración do perímetro ferrolán marcou a diferenza. Espectacular o partido de Gala Mestres, autora de 25 puntos. 

A xogadora máis valiosa da pasada xornada, Murjanatu Musa, non tivo o seu mellor día, e quedou con 11 puntos e 3 rebotes, lonxe das súas medias. Aínda así, con catro vitorias nos últimos sete partidos, o Celta pecha o ano cumprindo o obxectivo, fóra dos postos de descenso.

Precisamente, un dos equipos instalados nesas posicións, o caneiro Bembibre foi un duro inimigo para o Durán Maquinaria Ensino, que non puido asegurar a vitoria ata os últimos segundos. Laia Lamana, con roubos e 21 puntos, foi a líder das lucenses. Lidia Giomi achegou outras 16. 

O partido entrou nos últimos dous minutos con empate, grazas a esta tripla de Garraud. Daquela, apareceu de xeito decisivo a pivote Cecilia Muhate para asegurar a vitoria do Ensino. Fixo catro puntos seguidos e foi a protagonista dunha defensa decisiva.

Así volvemos ás contas, ao que pode pasar o vindeiro mércores. Ao Baxi Ferrol válelle para ser oitavo lograr o mesmo resultado que o Ensino. E con outra vantaxe, o equipo lucense visita a pista dun dos colíderes, o Zaragoza, coa obriga de gañar para obter o billete copeiro. Tampouco será sinxela a cita das ferrolás, que xogarán diante do IDK Euskotren en San Sebastián. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade