Wallace: "Pasará bastante tempo ata entregar avións de combate a Ucraína"
Wallace: "Pasará bastante tempo ata entregar avións de combate a Ucraína"
O ministro de Defensa do Reino Unido recoñece que non vai ser unha realidade nos vindeiros seis meses
O ministro de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace, afirmou este sábado que a subministración de avións de combate a Ucraína é unha opción que se presenta "a medio prazo" e que non será unha realidade nos vindeiros seis meses.
"Aínda vai pasar bastante tempo ata que alguén entregue avións de combate a Ucraína, sexamos sinceros", dixo Wallace, que asiste en Múnic á Conferencia de Seguridade, nunha entrevista co semanario alemán Der Spiegel.
Agregou que entre os países aliados occidentais de Kíiv existe un consenso de que precisamente modelos modernos, como os Eurofighter, non se van fornecer ata despois de que termine a guerra.
Con todo, defendeu que o Reino Unido comece xa a adestrar pilotos de combate ucraínos, nun primeiro momento con simuladores de voo, para que todo estea listo unha vez se tome a decisión.
"Ao contrario que cos carros de combate, cos cazabombardeiros non haberá atrasos unha vez que exista unha decisión política", sinalou.
En canto aos problemas vinculados ao envío de tanques, Wallace razoou que "a política adiantou" o sector militar, xa que en moitos países os gobernos se deron conta de que os carros de combate dos seus exércitos non están en condicións para envialos a Ucraína de inmediato.
"A guerra de Ucraína, aínda que é amarga, amosounos a realidade, que os nosos plans de defensa non eran suficientes", afirmou.