Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden avisa a Israel: deixará de enviarlle bombas se invade Rafah

Biden avisa a Israel: deixará de enviarlle bombas se invade Rafah

O presidente dos EUA di que deixou claro que, se lanza unha ofensiva terrestre a grande escala, non lle subministrarán máis bombas nin proxectís de artillaría

Joe Biden recoñece por primeira vez a morte de civís na Franxa de Gaza polo uso de bombas estadounidenses

Israel di que o anuncio de Biden é "moi decepcionante" e non desbota entrar en Rafah

Albares non quere "anticipar" se España recoñecerá ao Estado palestino o próximo 21 de maio

Reuters Reuters
G24.gal 09/05/2024 03:00 Última actualización 09/05/2024 13:07

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, ameazou por primeira vez este mércores con deixar de fornecer a Israel armamento ofensivo, que recoñeceu que foi utilizado para matar civís en Gaza, se o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, ordena invadir a cidade do sur gazatí de Rafah.

"Deixei claro que se entran en Rafah, aínda non entraron, non fornecerei as armas que historicamente se empregaron para tratar con Rafah, para tratar coas cidades, para tratar ese problema", declarou o mandatario nunha entrevista coa cadea CNN.

En concreto, Biden explicou que, se Israel invade Rafah, deixará de enviar armamento ofensivo estadounidense, como artillería e bombas para cazas, pero que continuará fornecendo ao seu aliado material defensivo para o sistema antimísiles Cúpula de Ferro, en liña co seu compromiso coa defensa de Israel.

O presidente do EUA recoñece por primeira vez a morte de civís na Franxa de Gaza polo uso de bombas estadounidenses

Ademais, por primeira vez, Biden recoñeceu que armamento de Estados Unidos foi utilizado por Israel para matar civís na Franxa de Gaza, onde máis de 34.000 persoas foron asasinadas desde que comezou a guerra en outubro.

"Civís morreron en Gaza como consecuencia desas bombas e pola forma en que se atacan os centros onde hai poboación", manifestou.

As declaracións de Biden producíronse xusto despois de que o secretario de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, confirmase este mércores nunha audiencia no Senado informacións de prensa sobre que Washington freara o envío dun gran paquete de armamento que contiña explosivos de gran potencia por temor a como poderían ser utilizados en áreas densamente poboadas.

Ata o de agora, Biden resistiuse a ameazar coa suspensión do envío de armas a Israel, a súa maior baza para meter presión a Netanyahu, con quen expresou publicamente o seu desacordo sobre a estratexia para Rafah, onde se amorean 1,4 millóns de palestinos que fuxiron doutras partes do enclave debido á ofensiva israelí.

Netanyahu insistiu no seu desexo de invadir Rafah porque asegura que alí se esconden milicianos de Hamas e, con ese obxectivo, o exército israelí iniciou o pasado luns unha operación militar para a que ordenou evacuar unhas 100.000 persoas.

O Goberno dos EUA asegurou que esa operación israelí en Gaza ten un "alcance limitado" e que non se trata da "invasión a grande escala" contra a que leva advertindo desde hai meses.

Biden fíxose eco este mércores dese razoamento e argumentou que a operación israelí aínda non se dirixiu contra os centros urbanos de Rafah.

"Non entraron nos centros de poboación. O que fixeron foi xunto á fronteira. E está a causar problemas con Exipto, co que traballei moito para asegurar que temos unha relación e podemos axudar", manifestou.

Ademais, asegurou que transmitira a Netanyahu, ao que adoita referirse polo seu alcume Bibi, e a outros líderes israelís que o apoio estadounidense a operacións en centros poboados é limitado.

"Deixeillo claro a Bibi e ao gabinete de guerra: Non recibirán o noso apoio, se van dentro destes centros urbanos", avisou.

Os Estados Unidos son o principal provedor de armas a Israel e un dos seus máis firmes aliados no mundo. Entre 2016 e 2023, un 69 % das armas importadas por Israel procedeu do país norteamericano, segundo datos do Stockholm International Peace Research Institute. 

Israel di que o anuncio de Biden é "moi decepcionante" e non desbota entrar en Rafah

O representante permanente de Israel perante Nacións Unidas, Gilad Erdan, describiu este xoves como "moi decepcionante" o anuncio formulado polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, sobre unha suspensión do envío de armamento ao exército israelí.

"É difícil e moi decepcionante escoitar estas declaracións de parte dun presidente a quen estamos agradecidos desde o inicio da guerra", dixo Erdan na emisora pública israelí kan, en referencia á ofensiva contra Gaza logo dos ataques de Hamas do pasado 7 de outubro.

"Non lle atribúo malas intencións ao presidente, pero coido que está bastante claro que calquera presión ou restricións a Israel, mesmo de parte de aliados que queren o mellor para nós, son interpretadas polos nosos inimigos, Irán, Hamas e Hezbolá, como algo que lles dá esperanzas para conseguir os seus obxectivos", argumentou.

Erdan non desbotou que Israel expanda a súa operación en Rafah a pesar do anuncio de Biden. "Son decisións que o primeiro ministro [Benjamin Netanyahu] e o gabinete de guerra deberán adoptar. Non teño constancia de que se presentaran alternativas á operación en Rafah que permitan derrocar a Hamas e crear un futuro e un horizonte, incluída a liberación dos reféns, sen entrar en Rafah", defendeu.

Asemade, rexeitou os chamamentos a favor de materializar a solución de dous Estados argumentando que "hai un inimigo tan cruel como os nazis, o Estado Islámico, que quere destruír Israel no norte e no sur, e Irán está disparando mísiles, ¿é momento de limitar as armas a Israel? ¿é momento de abordar un Estado palestino?".

Ás reaccións ao anuncio de Biden sumouse o líder opositor israelí, Yair Lapid, quen, na emisora israelí Radio 103 FM, dixo que as declaracións da Casa Branca derivan da "errada xestión do Goberno de Israel".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade