Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden e Scholz pechan filas arredor do apoio militar a Ucraína

Biden e Scholz pechan filas arredor do apoio militar a Ucraína

Ambos os dous mandatarios reuníronse por primeira vez na Casa Branca dende o inicio da invasión rusa

Biden e Scholz no despacho oval Biden e Scholz no despacho oval
G24.gal 04/03/2023 09:31 Última actualización 04/03/2023 09:56

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e o chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, pecharon filas arredor do envío de armamento a Ucraína e a presión contra o presidente ruso, Vladímir Putin, cando se cumpre un ano da guerra.

Ambos os dous mandatarios, os maiores doantes de apoio militar a Kíiv, reuníronse no despacho oval da Casa Branca por primeira vez desde o inicio da invasión rusa en febreiro do ano pasado.

"Xuntos traballamos para brindar asistencia de seguridade. Axudamos a Ucraína a satisfacer as súas necesidades básicas e mantemos a presión sobre Putin", dixo Biden á beira de Scholz ao iniciar a xuntanza.

O presidente estadounidense agradeceulle a Scholz o seu "forte liderado" durante este ano, no que Alemaña lle proporcionou ao Goberno de Volodímir Zelenski "un apoio militar vital" e un "apoio moral profundo".

"Sei que non foi doado. Foi difícil para vostede", expresou Biden, quen tamén destacou que a OTAN é agora "máis forte".

Unidade dos países occidentais

O chanceler salientou a unidade dos países occidentais no apoio a Ucraína e subliñou que "é moi importante dar a mensaxe de que seguiremos así todo o tempo que sexa necesario".

Scholz afirmou que a relación entre Alemaña e os Estados Unidos é forte, e destacou a importancia de reunirse con Biden para analizar "a ameaza para a paz" que supuxo Rusia desde o inicio da súa invasión hai un ano.

Novo paquete de axuda

Coincidindo coa visita de Scholz, os Estados Unidos aprobaron este venres un novo paquete de 400 millóns de dólares para Ucraína, que inclúe municións para o sistema de mísiles de longo alcance HIMARS e para os tanques Bradley, entre outros armamentos.

Os Estados Unidos é o maior doante de armamento e de apoio humanitario a Ucraína, con preto de 30.000 millóns de dólares aprobados ata a data. Alemaña ocupa o segundo lugar, con preto de 15.000 millóns de dólares.

Os Estados Unidos e Alemaña protagonizaron o mes pasado unhas arduas negociacións sobre o envío de tanques a Ucraína por primeira vez. Finalmente, Washington entregou carros blindados Abrams, e Berlín, tanques Leopard.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade