Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden anuncia que o G7 impoñerá sancións "devastadoras" a Rusia

Biden anuncia que o G7 impoñerá sancións "devastadoras" a Rusia

O grupo das sete grandes potencias acordou sancións e outras medidas económicas para que Moscova "renda contas"

O presidente dos Estados Unidos di que Putin será "un paria na escena internacional"

Biden insiste en que non enviará tropas a Ucraína pero que si defenderá os territorios da OTAN

G24.gal 24/02/2022 19:30

O presidente estadounidense Joe Biden asegurou este xoves que acordou cos seus aliados no G7, o grupo das sete grandes potencias mundiais, impoñer paquetes de sancións que serán "devastadoras" para Rusia tras a súa invasión de Ucraína.

"Esta mañá reuninme cos meus homólogos do G7 para conversar sobre o ataque inxustificado do presidente Putin a Ucraína", escribiu Biden na súa conta oficial de Twitter.

"Acordamos impoñer paquetes de sancións e outras medidas económicas devastadoras para conseguir que Rusia renda contas. Estamos ao lado do valente pobo de Ucraína", agregou.

Despois da reunión virtual, o G7 emitiu un comunicado que subscriben os líderes do Canadá, O Xapón, Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia, ademais dos Estados Unidos.

Eses dirixentes condenaron a invasión rusa de Ucraína  como "unha ameaza á orde internacional" e prometen unha resposta contundente e cohesionada ante unha crise cuxos efectos repercutirán "máis alá de Europa".

Biden autoriza novas sancións contra Rusia

O presidente dos Estados Unidos anunciou na comparecencia deste xoves sancións contra catro grandes entidades financeiras rusas, entre as que está o segundo maior banco do país.

"Isto significa que todos os seus activos nos Estados Unidos serán conxelados, imos frear a capacidade de Rusia de financiarse", destacou Biden.

Biden enviará máis militares a Alemaña tras a invasión rusa de Ucraína

O presidente dos Estados Unidos anunciou tamén o envío de máis militares a Alemaña.

"Autoricei a despregadura de forzas adicionais dos Estados Unidos en Alemaña como parte da resposta da OTAN", expresou Biden.
             

Biden prometeu ademais que Putin "será un paria na escena internacional". "A agresión a Ucraína acabará custándolle cara, económica e estratexicamente. Asegurarémonos diso", afirmou Biden na súa comparecencia na Casa Branca. 

O mandatario reiterou ademais que as tropas estadounidenses non se implicarán nun combate en Ucraína, pero si "defenderán o territorio da OTAN, se é necesario".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade