Bieito XVI, o téologo do Vaticano II
Bieito XVI, o téologo do Vaticano II
Foi o único papa que renunciou de xeito libre e voluntario
Tras a morte do papa Xoán Paulo II, a Curia Romana, conformada por 115 cardeais, elixen un novo ministro para a Igrexa católica, unha das máis extensas do mundo. Desde o balcón da praza de San Pedro escóitanse dúas palabras: “Habemus Papam”- O Cardenal Joseph Ratzinguer: o papa alemán, que sería coñecido como Bieito XVI.
O 16 de abril de 1927, en Markl Am Inn, nunha Alemaña marcada polas consecuencias da guerra e con elevadas taxas de desemprego, nacía nunha familia fortemente católica Joseph Aloisius Ratzinger. O mesmo home que pasaría aos 78 anos a exercer como soberano da Igrexa católica e Cidade do Vaticano.
Joseph Ratzinger naceu e medrou nunha modesta familia de agricultores procedentes da Baixa Baviera. A súa nai era filla de artesáns da rexión do Lago Chiem e exerceu como cociñeira en varios hoteis antes de casar. O seu pai, comisario da xendarmería.
O neno que sería chamado a papa pasou a súa infancia e adolescencia en Traunstein, unha pequena localidade preto da fronteira, a uns trinta quilómetros da cidade de Salzburgo.
A súa familia preparouno para afrontar uns tempos en que o réxime nazi mantiña un clima de forte hostilidade contra a Igrexa católica. Paradoxalmente naquel complicado contexto foi no que descubriu a súa verdadeira vocación cristiá.
Con 14 anos Ratzinger formaba parte das xuventudes hitlerianas, obrigatorias despois da promulgación do goberno nazi de marzo de 1939. Nos últimos meses da Segunda Guerra Mundial foi enrolado nos servizos auxiliares antiaéreos.
A finais dos anos corenta estudou filosofía e teoloxía na rexión de Baviera. Ratzinger ordenouse sacerdote o 29 de xuño do ano 1951. Dous anos despois acadou o seu título de doutor cunha Tese baseada na figura do Santo do século IV San Agustín de Hipona.
A finais da década dos cincuenta comezaba exercendo como profesor de teoloxía dogmática e fundamental. En 1969 pasará a ser catedrático de dogmática e historia do dogma na Universidade de Ratisbona, onde ocupou tamén o cargo de vicerreitor. Neste tempo, Ratzinger realizou importantes achegas ao Concilio Vaticano II e converteuse en asistente consultor do por aquel entón arcebispo de Colonia, o Cardeal Joseph Frings.
A comezos da década dos setenta, coa colaboración de notables teólogos do momento fundaría a revista de teoloxía 'Communio'. Naquel tempo, entre as súas numerosas publicacións salienta o libro: 'Introdución ao cristianismo', unha recompilación de leccións universitarias publicadas en 1968 sobre a profesión de fe apostólica.
Tamén acadou unha importante repersusión na contorna eclesiástica o discurso pronunciado ante a Academia bávara sobre o tema "Por que sigo aínda na Igrexa?', no que afirmaba: “Só na Igrexa é posible ser cristián e non á marxe da Igrexa”.
No ano 1977, o papa Paulo VI nomeouno arcebispo de Múnic e Freising, converténdose no primeiro sacerdote diocesano, despois de oito décadas, encargado de asumir o goberno pastoral da arquidiocese bávara.
A finais da década dos setenta participou nos dous conclaves que elixirían nun mesmo ano a dous papas. No mes de agosto de 1978 era elixido Xoán Paulo I e tan só dous meses máis tarde, Xoán Paulo II.
Joseph Ratzinguer foi nomeado por Xoán Paulo II Prefecto da Congregación para a doutrina da Fe en 1981, o mesmo ano no que Carol Woyjtila sufría un atentado na Prara de San Pedro. En febreiro de 1982 renunciaba ás arquidioceses de Múnic e Freising e tres anos máis tarde encargaríase de presidir a Comisión encargada de elaborar o novo Catecismo, traballo que remataría a comezos dos noventa.
En 1998, Xoán Paulo II aprobaba a elección do cardeal Ratzinger como vicedecano do Colexio Cardinalicio, onde se aprobaría a súa elección como decano xa no novo século, no ano 2002.
O 2 de abril de 2005 morre Xoán Paulo II. Dúas semanas máis tarde, Joseph Ratzinger sería elixido como novo Sumo Pontífice dos católicos.
Bieito XVI foi o papa 265 na lista de sumos pontífices da historia da Igrexa Católica. Publicou tres encíclicas. En outubro de 2007 aprobaba a maior beatificación na historia da Igrexa, ao proclamar beatos a 498 españois asasinados durante a Segunda República e a Guerra Civil, que foron considerados "mártires do século XX".
Nese mesmo ano o pontífice presentaría o seu primeiro libro titulado 'Xesús de Nazaret'. Catro anos máis tarde encargaríase tamén da beatificación dun dos papas máis influentes da historia: o seu antecesor, Xoán Paulo II.
Nos seus case oito anos de papado realizou vinte e catro viaxes. En España estivo ata en tres ocasións. Papa Bieito XVI realizou unha visita a Santiago de Compostela en novembro de 2010. No ano 2011, Bieito XVI presidía en Madrid as Xornadas Mundiais da Xuventude desde o aeródromo de Cuatro Vientos.
O 28 de febreiro de 2013 renunciaba ao pontificado, e facendo uso da chamada bula motu proprio, Bieito XVI adiantaba de xeito voluntario o conclave para a elección dun novo papa. Despediuse dos seus colaboradores máis próximos e presentouse ante miles de fieis congregados na praza de San Pedro como un peregrino iniciando un novo camiño nesta etapa da súa vida. Tan só seis papas ao longo da historia presentaron renuncia a este cargo, pero o único que o fixo de xeito libre e voluntario.
Bieito XVI asumiu o título de papa emérito, coa intención de dedicarse á oración e ao retiro espiritual, aínda que o seu tratamento seguiría sendo o de Santidade. Desde a elección do papa Francisco reside no mosteiro situado nos xardíns do Vaticano, onde viviu os últimos anos da súa vida.
Monseñor Georg Ganswein acompañábao na súa vida diaria desde que se erguía arredor das sete e media da mañá. Pasaba a meirande parte do tempo no seu despacho. Nos últimos anos apreciábase como tiña serios problemas para camiñar e a voz moi debilitada.
Polémicas como o celibato ou os casos de pederastia na Igrexa católica acompañaron a Joseph Ratzinguer nos anos posteriores á renuncia do pontificado. Entre outras curiosidades sabemos que Joseph Ratzinger tiña licenza para pilotar helicópteros.
Falaba con fluidez seis idiomas: alemán, inglés, italiano, francés, español e latín, ademais pode ler o grego e o hebreo antigo. Durante a súa vida escribiu uns noventa libros que foron lidos por millóns de persoas en todo o mundo.
Humilde, reservado e home de fe, que tivo a misión de guiar a millóns de crentes nun mundo no que cada vez resulta máis complicado crer.