Blanca Millán e o Baxi Ferrol xogarán a Eurocup
Blanca Millán e o Baxi Ferrol xogarán a Eurocup
O club anunciou contar coa financiación necesaria, que estiman en 120.000 euros
Santi Rey, presidente do Baxi Ferrol, anunciou a participación do conxunto ferrolá na vindeira edición da Eurocup. Despois de dous anos sen poder formar parte, nesta ocasión o Baxi conta cos recursos necesarios tal e como explicou o seu máximo mandatario. Segundo os seus cálculos, o financiamento necesario é de 120.000 euros os cales xa ten "por escrito", requisito imprescindible para este anuncio dada a prioridade de non comprometer a situación financeira da entidade.
Segundo anunciou o presidente, ten praza asegurada na competición e formará parte dun grupo de catro onde coñecerá aos seus rivais o día 18 de xullo, e onde os partidos serán xogados os xoves.
Con respecto á consecución do financiamento o presidente quixo agradecer especialmente ao Concello de Ferrol, o cal asumirá o 50 % dos custos do financiamento. A parte restante foi asumida por responsables que preferiron manterse no anonimato. Dentro dos gastos totais estes divídense en 80.000 euros destinados aos gastos da propia competición e outros 40.000 cara ao aumento que requirirá o cadro de xogadoras.
Tamén estivo presente no acto o actual adestrador do equipo, Lino López, o cal destacou o "grande orgullo" que lle supón "vivir esta experiencia na casa".
A outra parte do acto foi a presentación oficial de Blanca Millán como xogadora ferrolá. A santiaguesa destacou a ilusión polo proxecto e o seu compromiso coa entidade, disposta a adaptarse ás necesidades do equipo en todas as facetas do xogo.
Como declarou o seu adestrador, Blanca formará parte do núcleo de xogadoras que o Baxi Ferrol intentará establecer de cara a unha vindeira temporada que será máis esixente.