Blanca Millán: "Estou superpositiva. Visionei a lesión moitas veces para ver como se producira"
Blanca Millán: "Estou superpositiva. Visionei a lesión moitas veces para ver como se producira"
A santiaguesa pasa polo quirófano esta semana, un mes despois da lesión
Despediuse da temporada co Ensino logo de romper o ligamento cruzado e o menisco
Sufriu a mesma lesión pero na outra perna hai dous anos, cando xogaba na liga estadounidense
En outubro situábase como máxima anotadora da liga tras as primeiras xornadas. Pero o pasado doce de decembro acabouse a temporada para Blanca Millán durante un partido en Gran Canaria: rompeu o ligamento cruzado anterior e o menisco do xeonllo esquerdo.
E non fuxiu de ver a imaxe repetida: "Vina moitas veces. Quería ver como a fixen, como foi exactamente o movemento, porque tampouco ía moi rápido, aínda que saía dun golpe anterior. Amoséillela tamén aos médicos...", explicou Blanca. "No momento decateime de que me lesionara".
"Non podería estar falando disto como agora porque choraba só de pensalo".
Agárdaa unha recuperación longa a partir da operación á que se somete esta semana. É a mesma lesión que sufriu hai dous anos, cando xogaba na liga estadounidense, curiosamente tamén en decembro pero no outro xeonllo. "Era no outro, pero si, o mesmo, ligamento e menisco". A súa reacción daquela foi de abatemento: "Non podería estar falando disto como agora porque choraba só de pensalo. Desta xa sabía o que era e cambiei o chip para ser superpositiva", di.
"Recuperarme ao cento por cento é a prioridade".
Unha baixa sensible para o Ensino e quizais unha oportunidade perdida coa Selección, co Europeo de 2023 á volta da esquina: "Na anterior estiven fóra dez ou once meses. Espero que desta sexa algo menos, pero recuperarme ao cento por cento é a prioridade, e volver mellor do que estaba. Así que, irei pouco a pouco, con calma e vendo a evolución", admite.
Quedou en suspenso a súa segunda temporada na máxima categoría do baloncesto español. Con 24 anos Blanca Millán agarda volver máis forte e con moita carreira por diante.