Publicador de contidos
Publicador de contidos

Blanco: "O compromiso con Galicia é claro, falamos dun investimento en infraestruturas de máis de 2.500 millóns"

Blanco: "O compromiso con Galicia é claro, falamos dun investimento en infraestruturas de máis de 2.500 millóns"

O delegado do Goberno en Galicia afirmou que "seremos capaces de lograr un acordo de investidura"

Blanco dixo que "está convencido de que das primarias vai saír o próximo presidente da Xunta"

Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, foi entrevistado no informativo 'Bos días'
G24.gal 10/10/2023 09:39

Esta é unha semana intensa falando de política española por esa rolda de contactos de Pedro Sánchez de cara á súa investidura, e galega pola celebración do debate de política xeral no Parlamento. Nese marco confirmouse a data para as primarias do PSdeG-PSOE de cara ás eleccións autonómicas do ano que vén. Asuntos, entre outros que marcan a actualidade e que se analizaron no informativo 'Bos días' analizar co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Primarias PSdeG-PSOE

Os socialistas abren o proceso de primarias en Galicia, que se celebrarán o próximo 29 de outubro, e onde polo menos haberá dous candidatos. José Ramón Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero anunciaron que concorrerán para ser o candidato do PSdeG-PSOE a presidir a Xunta de Galicia nas próximas eleccións autonómicas. 

"Estou convencido de que calquera dos que se presenten e finalmente os afiliados e afiliadas elixamos por voto directo, vai ser o futuro presidente dun goberno de progreso en Galicia", manifestou Blanco.

Besteiro, candidato de Ferraz

Sobre que Besteiro é o candidato elixido por Ferraz, Blanco manifestou que "é un deputado en Madrid e a persoa encargada por parte do presidente para defender a utilización do galego no Congreso e unha das persoas designadas para negociar o pacto de investidura". 

Anuncios no debate de autonomía

Galicia vai reforzar as axudas á dependencia. Este é un dos principais anuncios do presidente Alfonso Rueda no debate de política xeral. A partir do ano que vén todas as persoas con dependencia grave ou severa que sexan coidadas por un familiar na casa recibirán un bono de 5.000 euros ao ano. Haberá tamén axudas para os que non poden ser atendidos no seu domicilio.

Blanco afirmou que "o Goberno de España vén apostando por políticas sociais e foi o que máis políticas socias puxo en riba da mesa". 

"En política social o Goberno está absoluta e seriamente comprometido. A el débeselle o incremento do ingreso mínimo vital e o novo incremento de pensións non contributivas. Creo que todo o que se poida facer para defender aos dependentes é algo que nunca sobra", matizou.

Investidura de Pedro Sánchez

As primarias galegas adiáranse a prol do traballo de investidura de Pedro Sánchez e se sobre xa cambiaron as prioridades, o delegado do Goberno manifestou que "seremos capaces de lograr un acordo de investidura". Destacou que lles pareceu prudente deixar a Feijóo sen ningún tipo de interferencias realizar as xestións pertinentes.

"As primarias celebraranse en Galicia e estou convencido de que de aí vai saír o candidato ou candidata que vai ser o próximo presidente da Xunta", subliñou Pedro Blanco.

Amnistía

Sobre se está pechada a amnistía, Blanco afirmou que "eu non estou negociando ese pacto de investidura e que me parece algo precipitado que Feijóo anuncie que vai recorrer ante o Tribunal Constitucional a futura lei de amnistía".

Insistiu en que son anuncios máis para facer ruído que outra cousa e que Pedro Sánchez desde que entrou no Goberno sempre actuou no marco constitucional.

"Creo que a situación xa se pacificou e que os resultados electorais das últimas eleccións dan como resultado de que en Cataluña as cousas cambiaron. Ese cambio é fundamental que temos que seguir facendo a través do diálogo", afirmou o delegado do Goberno.

Infraestruturas

Tras unha reunión a pasada semana entre a conselleira de Infraestruturas e o Secretario de Estado, Blanco destacou que aí se lle deixou claro cal é o compromiso do Goberno con Galicia e cales son os prazos de execución. 

"O compromiso é claro e cuantificado, falamos dun investimento en infraestruturas de máis de 2.500 millóns de euros. O AVE témolo en Galicia e quen o trouxo foi este Goberno e en terceiro lugar, os compromisos son cos que se están traballando", subliñou Pedro Blanco.

Afirmou que el está a supervisar todas as obras e dixo que algunha das actuacións ten algún atraso. Sobre iso referiuse ás obras da autovía de Lugo-Santiago, que tivo un atraso pola aparición de restos arqueolóxicos.

Laboral

Xa para rematar, entre as principais preocupacións que ten Pedro Blanco manifestou que "son as políticas sociais". Unhas que dende o Goberno de Pedro Sánchez levan feito moitas e importantes.

"Desde que entramos no Goberno o salario mínimo subiu un 47 %, pero creo que non é suficiente. En materia de pensións ningún goberno subiunas conforme ao IPC e temos garantida a suba conforme ao IPC", destacou.

Blanco remarcou que ese tipo de políticas sociais son as que en realidade interesan e que el comparte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade