Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG aprecia "boa vontade" de Sánchez para un acordo, pero remítese á negociación da próxima semana

O BNG aprecia "boa vontade" de Sánchez para un acordo, pero remítese á negociación da próxima semana

Rego, tras manter unha xuntanza co candidato do PSOE, reiterou que o seu voto afirmativo non pode darse por feito e chama a cumprir coa axenda galega

Na súa rolda de contactos cos partidos, Pedro Sánchez tamén se reuniu este martes co voceiro do PNV no Congreso

PSOE e ERC desmárcanse do ditame sobre a amnistía que hoxe presenta Sumar

Pedro Sánchez e Néstor Rego (EFE/ Zipi Aragon)
G24.gal 10/10/2023 13:41 Última actualización 10/10/2023 15:15

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, aprecia "boa vontade" por parte do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, para pechar un acordo que permita aos nacionalistas apoiar a súa investidura.

Non obstante non dá por feito o seu apoio e remítese á negociación dos equipos designados por ambas as partes a partir da próxima semana para poder constatar se esa boa disposición se traduce ou non nun pacto.

Menos sintonía houbo no encontro de Pedro Sánchez co presidente do PP. Nunha entrevista en esRadio, Alberto Núñez Feijóo asegurou que viu o candidato á investidura "moi persuadido de que vai ser presidente", pero que non lle deu ningunha explicación "de cando cre que se pode celebrar a investidura, de que vai facer coa amnistía nin que vai pactar co independentismo".

Dende o PSOE pídenlle ao popular que deixe de axitar a rúa. Segundo Isabel Rodríguez, voceira do Goberno en funcións, "podemos entender o pataleo, a frustración e as perrenchas, pero estamos ante feitos moi serios como este proceso de investidura".

Neste proceso, os socialistas marcan distancia tamén con Sumar, que esta tarde presenta en Barcelona o seu ditame sobre a amnistía. O ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, volveu insistir en que "non é o documento nin é a posición do PSOE".

Os de Yolanda Díaz aseguran que só queren axudar nas negociacións. Segundo explicou en rolda de prensa o seu deputado Gerardo Pisarello, Sumar non ten "ningunha pretensión de ter o copyright de nada". 

Pero nin sequera Esquerra valora a súa iniciativa. Para Laura Vilagrà, Conselleira da Presidencia da Generalitat, "non semella que a mellor maneira de contribuír á negociación sexa cun acto público explicando unha proposta que se está negociando discretamente". Os republicanos céntranse nas negociacións co PSOE e, aí, xa dan por feita a amnistía.

Así o explicou Rego nunha comparecencia na cámara baixa tras a reunión que mantivo co líder socialista en sede parlamentaria, no marco dos contactos abertos para buscar apoios á súa investidura.

Rego garantiu que o BNG afronta este proceso coa "mellor vontade de diálogo para que se poida un acordo", pero reiterou que o seu voto afirmativo non pode darse por feito e que só será posible se Sánchez asume un "compromiso firme" coa chamada 'axenda galega' e tamén cunha "axenda social avanzada" para o conxunto do Estado.

Ademais, e dado que, dixo, "esta vai ser unha lexislatura na que a cuestión nacional estará sobre a mesa", o BNG pedirá tamén ao PSOE un compromiso co autogoberno, por "a necesidade de que Galicia avance tamén en capacidade de decidir".

Durante o encontro, que cualificou como "cordial", trasladou as súas demandas a Sánchez, pero de maneira xeral, debido a que serán os equipos que se reúnan para o efecto os que negocien todos os detalles.

"Será a partir da próxima semana en que formalmente se inicie negociación entre equipos cando poidamos verificar na práctica se esa vontade se materializa nun acordo de investidura que posibilite que esa 'axenda galega' avance", indicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade