Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bo comportamento das exportacións galegas, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Bo comportamento das exportacións galegas, por Maite Cancelo

G24.gal 19/01/2024 07:56

En novembro de 2023 as exportacións galegas acadaron os 2.564 millóns de euros, aumentando un 11,8 % con relación ao ano anterior. O sector de vehículos automóbiles, cun peso do 27,6 % sobre o total das exportacións galegas e unha taxa de variación do 21,9 %, repercutiron en 5,6 puntos no crecemento total. Ademais do anterior, os seguintes produtos que tiveron maior repercusión sobre as exportacións foron os combustibles e aceites minerais, cunha achega de catro puntos, e máquinas e aparellos mecánicos, cunha achega de 2,4 puntos. Na comparativa coa evolución das vendas exteriores españolas, estas decreceron en 6,7 %, polo que o peso galego no conxunto de España nas exportacións de novembro foi do 8 %.

Por países, en novembro as exportacións dirixidas á UE aumentaron nun 11 %, o que representa o 72 % do total das nosas vendas exteriores, e aumentaron as dirixidas a Francia e Polonia.

No acumulado xaneiro-novembro rexistrouse un novo máximo histórico cun total de 354.741 millóns de euros de exportacións, o que supuxo un crecemento do 0,7 % fronte á caída do 0,7 % español. Nestes once meses o saldo comercial galego (diferenza entre exportacións e importacións) foi positivo: de 8.471 millóns de euros e cunha taxa de cobertura (exportacións entre importacións) de 144 %, fronte ao saldo negativo do conxunto da economía española de 37.158 millóns de euros e unha taxa do 90,5 %.

As exportacións son un dos motores do crecemento da nosa economía e, en Galicia, van ben, a pesar do freo que tiveron inicialmente o ano pasado, soportando mellor a deterioración que se viu no conxunto da economía española. Un informe do Banco de España xa alertou en agosto dunha perda de competitividade das manufacturas máis intensivas de enerxía, como as metalurxias, dado o encarecemento dos prezos da electricidade, o petróleo e o gas natural, como consecuencia da guerra en Ucraína tras a invasión rusa.

E se as nosas exportacións van ben débese, por unha banda, ao esforzo das nosas empresas para saíren ao exterior, como froito de afrontar as crises económicas anteriores, cando o mercado interno estaba moi debilitado. Pero, as políticas de apoio á internacionalización das nosas PEMES e de diversificación dos mercados da Xunta de Galicia tamén é a outra pata nestes resultados, en que, por exemplo, os programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, postos en marcha no ano 2023, tiveron os seus froitos.

Con relación a este novo ano, os riscos aumentaron. Continua a guerra en Ucraína, á que se lle sumou a desenvolvida en Gaza, como consecuencia do ataque terrorista de Hamas a Israel e coa nova vertente deste conflito: os ataques dos rebeldes hutís do Iemen aos barcos que se dirixen á canle de Suez e que están a ocasionar atrasos nas entregas de mercadorías e un encarecemento dos custos de transporte.

Outro risco é o arrefriado das economías da UE. Non esquezamos que son os nosos principais socios comerciais polo que, de confirmárense os prognósticos, as nosas exportacións poderíanse ver afectadas.

En calquera caso, aínda estamos a empezar o ano e os riscos poden ir reducíndose ou mesmo desaparecendo nos próximos meses e, en calquera caso, as nosas empresas seguen demostrando a súa capacidade e fortaleza para seguir competindo no exterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade