Boa ocupación turística na ponte atraída polos prolegómenos do Nadal
Boa ocupación turística na ponte atraída polos prolegómenos do Nadal
A ocupación turística sobe un 3 % con respecto ao ano pasado nestas datas
O turismo termal, rural e de natureza complementa o que chega atraído polas atraccións do Nadal
Os datos de ocupación turística nesta ponte dan mostra de que a demanda segue aumentando en Galicia. Despois de superar os 12,4 millóns de pernoitas nos 10 primeiros meses do ano, esta fin de semana moitos establecementos volveron encher.
A ocupación turística sobe un 3 % con respecto a esta mesma ponte do ano pasado. Se as reservas habituais durante estas semanas estaban nun 40 % desde onte moitas localidades chegan ao 85, e os viaxeiros repártense por todo o país: termal e de natureza no interior, gastronómico, costeiro e tamén chegan os visitantes máis urbanos atraídos polas compras, as luces e os mercados de nadal.
"A ocupación francamente é boa, con índices do 75 ou 85 %. Hai lugares de Galicia que teñen unha ocupación do 100 %, como Vigo. A Coruña tamén está funcionando moi ben, a Costa da Morte e a Ribeira Sacra tamén. En definitiva, a ponte, boa climatoloxía, bono turístico, outono gastronómico e luces de Nadal, e a xente quere saír", asegura Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
Se ao longo do ano o repartimento de turistas é de case un 70 % nacionais e algo máis dun 30 % internacionais, esta ponte tira fundamentalmente de turismo de proximidade. Galegos que pasan uns días fóra, veciños portugueses ou do resto da Península.
"O turismo rural ten un tirón especial nesta ponte. Veñen moitos portugueses pasar a fin de semana. É un turismo familiar, que está a dúas ou tres horas de destino e vén en coche", describe Pardal.
Son moitos os viaxeiros que xa teñen pechadas tamén as reservas en hoteis que ofrecen ceas e comidas para o Nadal ademais das casas turísticas completas para pasar eses días en familia.