Boas cifras de ocupación turística en Galicia coincidindo coa ponte festiva
Boas cifras de ocupación turística en Galicia coincidindo coa ponte festiva
Hai localidades coma Sanxenxo que colgan o cartel de completo nos hoteis
O calendario regala este ano unha superponte de agosto con días de sol e praia. "O clima é unha maravilla. Todo moi guapo", di un turista de Asturias.
En Sanxenxo é imposible atopar un oco. Os hoteis colgan nesta ponte o cartel de completo. "Agora mesmo estamos a cen por cento. E a puntiño de chegar ao 98 % en todo o mes", asegura Leonardo López, director dun hotel en Sanxenxo.
Así está a praia de Silgar. Non hai onde estirar a toalla. "É unha praia tranquila para os nenos. Moi familiar", xustifica un turista do Porriño.
E é que, din os hostaleiros, que os turistas chegan a Galicia atraídos pola hospitalidade., a paisaxe e o clima suave. "Estámonos convertendo nun refuxio climático para xente que chega doutras comunidades onde poden chegar aos 45 graos. Moita xente escolle Galicia anoa tras ano e repite. A promoción que se fai conxuntamente coas administracións está dando os seus froitos", di Cesáreo Pardal, xerente do Clúster de Turismo de Galicia.
Pero non todo é sol e praia. En Compostela foi necesario abrir un segundo acceso da Catedral para abrazar ao Apóstolo ante as longas ringleiras de peregrinos. No que vai de anos xa se superaron as 300.000 compostelas.
Na Costa da Morte e na Ribeira Sacra tamén se está rexistrando este mes de agosto un cheo absoluto.
Pasado o ecuador de agosto, o sector turístico comeza a botar contas e calcula que a ocupación deste mes roldará o 85 % no conxunto de Galicia. E as previsións de ocupación para setembro tamén son boas.