Publicador de contidos
Publicador de contidos

Previsións optimistas nos aeroportos galegos para a tempada de verán

Previsións optimistas nos aeroportos galegos para a tempada de verán

O aeroporto Rosalía de Castro rexistrou un millón de viaxeiros nos primeiros catro meses 

Para o verán aumentan as frecuencias e volven os voos de temporada ás tres terminais

Viaxeiros no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
G24.gal 03/06/2023 14:21 Última actualización 03/06/2023 19:30

Sen entrar aínda no verán os datos de pasaxeiros nos aeroportos galegos superan os que tiñamos antes da pandemia. En abril pasaron polo Rosalía de Castro máis de 311.000 pasaxeiros e aínda que será difícil superar o ano santo de 2022, agárdase crecemento polo menos ata outubro.

As posibilidades de viaxar en avión desde Galicia nos próximos meses amplíanse, non tanto en relación a novos destinos, como a un aumento de frecuencias nos voos que son xa habituais no verán, como relata Nicolás Álvarez, responsable de Aeronoticiario SCQ.

"Vaise reforzando unha ruta xa existente como a de Londres. No aeroporto da Coruña teñen novas conexións con Xenebra e Milán e en Vigo teñen tamén reforzos doutras rutas que xa existen". 

Responden á demanda do estudantado de inglés, ao tráfico de emigrantes galegos nas vacacións ou á afluencia de peregrinos. Nas viaxes dentro da Península o tren de alta velocidade fixo descender os viaxeiros con Madrid, pero aumentaron outros. 

"Hai outros destinos nacionais que foron medrando como as Baleares ou as Canarias. Incluso destinos peninsulares que antes tiñan resultados máis discretos como poden ser Málaga ou Sevilla, que duplicaron as súas cifras só nun ano". 

Dos aeródromos galegos o que máis crecemento rexistra é o de Santiago, seguido de Vigo segundo confirma Álvarez.

"En concreto, os datos do Rosalía de Castro, nos catro primeiros meses case moveu un millón de pasaxeiros. Para a semana vindeira veremos o resultado de maio. Isto colócanos xa nas portas de verán nunha cifra histórica". 

Os viaxeiros demandan máis destinos internacionais, capitais como Roma que noutrora tiñan voo directo desde Galicia, requiren agora de escala para chegar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade