Boeing acepta declararse culpable no caso penal do 737 MAX
Boeing acepta declararse culpable no caso penal do 737 MAX
A compañía admite que enganou os reguladores de seguridade estadounidenses
Trescentas corenta e seis persoas morreron en dous accidentes en 2018 e 2019 en Indonesia e Etiopía por fallos de deseño no seu modelo 737 MAX
Boeing aceptou declararse culpable de enganar os reguladores estadounidenses de seguridade aérea antes de que ocorresen os dous accidentes de 2018 e 2019 en Indonesia e Etiopía en que morreron 346 persoas por fallos de deseño no seu modelo 737 MAX.
A compañía aeroespacial máis grande do mundo alcanzou un acordo co Departamento de Xustiza estadounidense que implica declararse culpable de fraude na certificación dos citados avións, segundo detallan as autoridades estadounidenses nunha presentación xudicial. O pacto debe ser aprobado aínda por un xuíz federal.
Este acordo, co que a firma evitaría ir a xuízo, implica unha segunda multa penal de 244 millóns de dólares e que a empresa gaste 455 millóns nos próximos tres anos para mellorar os seus programas de cumprimento e seguridade, cantidades moi inferiores aos 24.800 millóns que as familias das vítimas reclamaban ao fabricante de avións.
Nun comunicado, Boeing limitouse a confirmar que alcanzara "un principio de acordo sobre os termos dunha resolución co Departamento de Xustiza, suxeito á aprobación de termos específicos".
Este caso deriva de dous accidentes con dous avións Boeing 737 MAX en Indonesia e Etiopía, cunha separación entre eles de cinco meses, en que morreron un total de 346 persoas.
De aprobarse finalmente, o acordo evitará á empresa ter que someterse a un xuízo que podería carrexarlle un desgaste aínda maior. Poderíalle, por tanto, axudar no seu obxectivo de pasar páxina das incidencias co seu 737 MAX.
O pasado 30 de xuño o Departamento de Xustiza ofreceu a Boeing este acordo e deulle de prazo ata o final da semana pasada para aceptalo ou enfrontarse a un xuízo por conspiración para defraudar a Administración Federal de Aviación (FAA) en relación cunha función de software clave vinculada aos citados accidentes.