Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bombeiros de Ourense desprázanse a Alfafar para axudar os afectados polas riadas

Bombeiros de Ourense desprázanse a Alfafar para axudar os afectados polas riadas

Van dous equipos de Verín e do Carballiño, con vehículos lixeiros para intervencións rápidas

Estarán alí ata o luns, cando serán substituídos por bombeiros de Xinzo e da Rúa

G24.gal 06/11/2024 13:24

Alfafar, unha das localidades máis afectadas, é o destino destes bombeiros que van preparados para o que xurda sobre o terreo.

"Pode ser que principalmente nos dediquemos a buscas en garaxes e tamén vehículos en zonas anegadas. Imos achicar e buscar", explica Daniel Caíña Gallardo, bombeiro do Carballiño.

Levan dous furgóns dos denominados de salvamentos varios: vehículos lixeiros, pequenos, pero equipados con todo tipo de material para unha intervención destas características.

"Electrobombas para achicar, mangueiras, traxes secos por se temos que meternos nalgunha zona inundada, vadeadores para poder rastrear, equipos electróxenos por se é necesario dar luz, motodiscos, motoserras..., todo o necesario para realizar calquera intervención que se nos requira na zona onde nos van mandar", relata Daniel.

Son traballadores do consorcio provincial de Bombeiros que, para non deixaren desatendidos uns parques xustos de persoal, van duplicar esforzos.

"Apuntámonos todos en masa e escolleron os que libraban máis para poder ir, porque temos que cubrirnos uns aos outros", di Alexandre Pereira Ferreira, bombeiro de Verín.

"O que imos facer é dobrar o traballo para poder axudar alá", engade Daniel.

Este equipo permanecerá en Valencia ata o luns e será substituído por outro similar dos parques de Xinzo e da Rúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar