Castro Caldelas repite as eleccións para escoller representantes municipais

A Xunta Electoral considerou que o pasado 28 de maio se rompeu a custodia de 118 votos por correo

Unha muller vota nun dos colexios electorais
G24.gal 26/11/2023 11:44 Última actualización 26/11/2023 21:42

O concello de Castro Caldelas repetiu este domingo os comicios municipais. A Xunta Electoral considerou que o 28 de maio se rompeu a custodia de 118 votos por correo, que podían ser determinantes.

Sen atrancos abriron ás nove da mañá as tres mesas electorais habilitadas en Castro Caldelas para que exerceran o seu voto 1.123 electores, o mesmo censo que hai seis meses e a mesma composición nas mesas.

Ás dez e media da mañá acudía a votar a alcaldesa en funcións e candidata socialista, Sara Inés Vega. Ás once en punto na mesma electoral instalada no centro de saúde depositaba o seu voto o candidato á alcaldía do Partido Popular, César Enríquez. 

Nos comicios do 28 de maio, a diferenza entre socialistas e populares foi de 27 votos. O PSdeG obtivo cinco edís e o PP catro.

Para o candidato do BNG, José Luís Prieto, que non obtivera representación en maio, esta repetición das eleccións municipais é unha oportunidade para poder influír no goberno que saia elixido. 

Único concello galego

Seis meses despois a veciñanza de Castro Caldelas volve votar, pero non todo o mundo puido exercer o seu dereito a voto: as persoas acabadas de censar, as que fixeron 18 anos e as 17 falecidas neste tempo.

Castro caldelas é o único concello de Galicia onde se tiveron que repetir as eleccións municipais. Tamén o fan este domingo noutros 43 municipios en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade