Bruxelas ameaza a Musk con sancionalo por vulnerar a liberdade de expresión
Bruxelas ameaza a Musk con sancionalo por vulnerar a liberdade de expresión
A advertencia fíxoa a vicepresidenta da Comisión Europea
Twitter enfrontaríase a unha multa de 300 millóns por incumprir as normas comunitarias
O empresario Elon Musk, o home máis rico do mundo e dono de Twitter, ordenou o peche das contas nesa rede social dunha ducia de xornalistas. Entre os afectados hai traballadores de medios tan importantes como a CNN, o New York Times ou o Washington Post.
Esta polémica chega a Europa, onde por primeira vez a Comisión ameaza a Musk con sancionalo por vulnerar a liberdade de expresión. Elon Musk está cruzando liñas vermellas co seu xeito de dirixir Twitter.
A advertencia directa chega da vicepresidenta da Comisión Europea, Vera Jourova, ante o peche unilateral de contas de xornalistas.
Jourova afirma estar preocupada pola suspensión arbitraria deses xornalistas en Twitter.
Lémbralle a Musk que a Directiva de Servizos Dixitais, a que regula as empresas de Internet, protexe a liberdade de expresión. E remata dicíndolle que as sancións chegarán cedo.
Esta ameaza da vicepresidenta Jourova, responsable de Transparencia na Comisión, é a máis clara a Musk dende que mercou Twitter e comezou a cambiar as políticas de información e privacidade na rede social.
As multas por non cumprir coas normas europeas sobre liberdade de expresión nos servizos dixitais ascenderían a 300 millóns de euros no caso de Twitter. Repetidas infraccións levarían ao seu peche.